O primeiro gran evento do novo ano terá como sede Zaragoza. A capital aragonesa será a sede do Campionato de España Infantil e Cadete de Seleccións Autonómicas que se disputará do 3 ao 7 de xaneiro, e para o cal as nosas preseleccións galegas xa se atopan en plena fase de preparación.
O Campionato de España Infantil e Cadete de SS.AA. volve a Zaragoza trece anos despois e tras sete anos consecutivos celebrándose na provincia de Huelva. A capital aragonesa organizou este campionato en 2010 e 2013.
Cataluña defende os títulos en cadete masculino e cadete feminino conquistados o ano pasado no Palacio dos Deportes Carolina Marín. A Comunidad de Madrid é a actual campioa en infantil masculino mentres que a Comunitat Valenciana conseguiu o seu primeiro ouro en infantil feminino a tempada pasada.
O torneo disputarase do 3 ao 7 de xaneiro co mesmo sistema de competición dos últimos anos, coas 19 seleccións autonómicas divididas en cinco grupos (catro de catro e un último de tres) nunha primeira fase que outorgará os oito billetes a cuartos de final.










