“Basket Diverso”, a iniciativa integradora que chega a Lugo, Ferrol e Vigo

– A Federación Galega de Baloncesto, co patrocinio de GADIS e a colaboración da Federación Galega de Deporte Adaptado, promove esta actividade, enmarcada no seu programa “SOCIAL BASKET”.

– Únense a esta acción o Celta Baloncesto,  Durán Maquinaria Ensino Lugo e Baxi Ferrol.

– Partiparán tamén nesta I edición de “Basket Diverso”: AMFIV Vigo, Basketmi Ferrol, Xuncas Diversia, e as Fundacións Universitario de Ferrol e Celta Integra.

Parte importante da Comunidade Baloncestística galega unirase a través de “Basket Diverso”, iniciativa que, da man da Federación Galega de Baloncesto, a Federación Galega de Deporte Adaptado e GADIS; busca impulsar os valores do Baloncesto como elemento integrador e educacional.

En Lugo e Ferrol o vindeiro martes, 19 de decembro; e en Vigo o mércores, día 20; un total de 250 xogadores de Baloncesto de diferentes modalidades e categorías reuniranse para compartir unhas horas de aprendizaxe, inclusión e práctica deportiva.

En Lugo farán o propio no Pavillón Frigsa (11:00 h), representantes do Ensino Lugo de Liga Feminina Endesa e integrantes do Xuncas Diversia de Baloncesto en Cadeira de Rodas.

Na mesma data, xogadoras da base do Universitario de Ferrol sumarán experiencias no Pavillón de Esteiro (16:15 h) cos xogadores de Basketmi e da propia Fundación Universitario Ferrol, que traballa con persoas con discapacidade intelectual.

O Pavillón de Navia acollerá na tarde do mércores 20 (17:00 h) a xogadoras do Celta Baloncesto de Liga Endesa, xunto a unha representación das categorías de formación do equipo, e a deportistas tanto da Fundación Celta Integra como do AMFIV Vigo.

En cada sede, todos os participantes compartirán experiencias deportivas e xogos en pista, amosando que o Baloncesto é un deporte inclusivo que pode desfrutarse con empatía e con diversas habilidades e capacidades.

“Social Basket”

“Basket Diverso” é unha iniciativa que forma parte do proxecto SOCIAL BASKET, recén estreado pola Federación Galega de Baloncesto, e que nace da motivación da entidade federativa por ser un axente activo que una o deporte con múltiples perspectivas e ámbitos sociais.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram