Volve o “Basketgal”, a gran festa do Baloncesto Galego

A Federación Galega de Baloncesto (FGB) ten o inmenso pracer de anunciar a recuperación da Gala “Basketgal”, a gran celebración do baloncesto da nosa comunidade, un evento que non se realizaba desde o ano 2007.

Esta esperada cita coa canastra galega terá lugar o próximo 11 de xuño de 2025 na icónica Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

A FEGABA afronta coa máxima ilusión o regreso desta gala, concibida cun espírito renovado e acorde ao dinamismo e a vitalidade do baloncesto galego actual. Será un momento clave para recoñecer e poñer en valor o esforzo, a dedicación e os logros de todos os seus protagonistas.

Durante o “Basketgal 2025” entregaranse os Premios Basketgal 2025, que distinguirán aos deportistas e entidades máis destacadas da tempada en curso. Pero a gran novidade, e por primeira vez na historia do baloncesto autonómico, será a inauguración do apartado “Lendas do Baloncesto Galego”. Esta sección busca render unha merecida homenaxe e recoñecemento especial a aquelas figuras ilustres que deixaron unha pegada indeleble no baloncesto de Galicia, marcando un antes e un despois no noso deporte.

Tanto os Premios Basketgal como os galardóns “Lendas do Baloncesto Galego” serán outorgados tras a decisión previa de dous comités, garantindo así a máxima rigorosidade, obxectividade e o merecido recoñecemento aos premiados.

En próximas datas, a Federación Galega de Baloncesto dará a coñecer as categorías completas dos premios,  criterios e composición dos comités decisorios

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias