
A cidade de Pontevedra comeza a conta atrás para a organización desta cita, que terá lugar entre os días 15 e 21 do vindeiro mes de xuño.
O Comité Técnico da Federación Española de Baloncesto, acompañado por responsables directos da FGB, pasou revista esta mañá de luns as instalacións que acollerán esta cita e mantivo unha entrevista co concelleiro de Deportes pontevedrés, Agustín Fernández.
A comitiva federativa estivo composta por Alberto Gómez e David Aurich, directivo e responsable de eventos, respectivamente, da Federación Española; e pola Secretaria Xeral da Federación Galega de Baloncesto, Susana Fernández. Sumáronse tamén Mayte Fernández e Cuco Rodríguez, directores deportivos do C.B. Arxil e Estudiantes de Pontevedra, clubs locais involucrados activamente na organización.
Os representantes FEB e FGB visitaron as instalacións nas que se repartirá o xogo do Campionato de España, enmarcadas estas entre o Pavillón Municipal (que será sede única na fase final) e os pavillóns universitario e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva).En torno aos mesmos concentraranse un total de 32 equipos de toda España, configurando un conxunto de ata 2.000 persoas (entre xogadoras, corpos técnicos, federativos, árbitros e familiares) que pasarán por Pontevedra durante a semana de Competición.
Agustín Fernández subliñou que o comité técnico non só revisou os pavillóns, senón tamén cuestións loxísticas e de aloxamento. O edil agradeceu a confianza depositada en Pontevedra, que este ano organiza 14 eventos deportivos de rango nacional, sendo o Campionato de Baloncesto Infantil Feminino un dos que maior repercusión socioeconómica vai ter polo volume de xente que mobiliza.
O responsable municipal amosouse especialmente satisfeito de que se trate dunha competición feminina (a única do calendario anual de grandes eventos deportivos) porque, subliñou, o Concello debe facer esforzos a prol do deporte feminino.
Alberto Gómez lembrou que non é a primeira vez que a Federación Española concede unha competición nacional a Pontevedra, aínda que os precedentes foron con sedes compartidas. Declarou que están encantados e moi tranquilos, dada a capacidade organizativa desta cidade.
A Secretaria Xeral FGB, Susana Fernández, compartiu a seguridade de que todo sairá ben e amosou a súa confianza e desexo de que algún equipo galego poida chegar, cando menos, ás semifinais deste evento que será, en dúbida, especial para todos.










