A tempada 2026 do ‘Circuito 3×3 CaixaBank’ segue o seu curso e terá cita no Porto de Vigo, onde o vindeiro sábado 16 de maio terá lugar a terceira parada do ano.
Vigo, 04 de maio.- Vigo recibirá o vindeiro sábado 16 de maio a terceira parada da décimo cuarta tempada do Circuito 3×3 CaixaBank, o maior festival de baloncesto urbano, 3×3, gratuíto e ao aire libre de España. O circuíto evolucionou en 2026 cara ao concepto de ‘Xoga e vive o baloncesto’ para brindar unha experiencia aberta a todo o mundo e, baixo esa premisa, participarán centos de xogadores e xogadoras de todas as categorías. Eles serán os protagonistas dun gran evento, gratuíto e aberto para todos, que se realizará no Porto de Vigo.
O evento contará coa participación das diferentes institucións involucradas na organización do circuíto, así como a Federación Galega de Baloncesto, a entidade social beneficiaria da Tripla Solidaria, a Asociación ARELA, e a exhibición de baloncesto en cadeira de rodas. Ademais, haberá actividades para todos os asistentes, xoguen ou non xoguen ao baloncesto, e os embaixadores da FEB animarán ao público para participar activamente nunha xornada festiva ao redor do deporte.
O evento foi presentado este 4 de maio, no Edificio de Sesións do Porto de Vigo, e contou coa participación de Carlos Botana, Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Luisa Sánchez, Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Ana Ortiz, Delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Julio Bernárdez, Presidente da Federación Galega de Baloncesto; e Igor das Heras, Director de área de CaixaBank en Vigo.
Durante o acto, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana explicou: “É un luxo para nós poder ter esta actividade. Se algo ten o baloncesto é que insignia aos mozos a capacidade de loita, de superación, de saber xogar en equipo. O ano pasado tivemos 9.000 persoas, este ano espero que haxa moitas máis. Xa hai 50 equipos rexistrados, o obxectivo son 100, espero que haxa moitos equipos e participantes, invitamos a todos os colexios e clubs. O 16 de maio esperámosvos aquí”.
Pola súa banda, Julio Bernández, Presidente da Federación Galega de Baloncesto, expresou: “O baloncesto é máis que un deporte, son valores. Tivemos o pracer de realizar este evento en Galicia durante os últimos 4 anos e esta vez volvemos a Vigo, onde xa se fixeron dúas. Estou convencido de que vai ser unha gran fin de semana de baloncesto, vai ser unha gran festa e imos desfrutar todos os galegos. Moitas grazas a toda a xente que pelexou por isto. Esperemos estar á altura”.
Mentres que Igor das Heras comentou: “Poder ter en Vigo a unha chea de nenos e de maiores desfrutando do deporte nun día marabilloso é fantástico. Os valores do baloncesto son os valores que en CaixaBank intentamos levar a cabo cada día. Nesta edición os organizadores poñemos a guinda coa Tripla Solidaria, unha acción coa que axudaremos á Asociación ARELA, que fai un labor espectacular. Un incentivo máis para que a xente se inscriba e participe nesta festa da canastra”.
Ademais, Ana Ortiz, Delegada territorial da Xunta de Galicia, manifestou: “Estamos encantados de que este campionato se leva a cabo na nosa cidade, con estas vistas e coa hospitalidade da nosa xente. É un evento marabilloso, neste enclave tan único e con valores solidarios para devolver á sociedade un pouco de todo o que se merecen”.
Para terminar, Luisa Sánchez, Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, expresou: “Este 3×3 é volver á orixe do deporte, saír á rúa e xogar. Creo que vai ser un caso de éxito, polo deporte que é, polos valores que ten e ademais polas tres patas deste evento: Apoia ao deporte feminino, é inclusivo e conta coa Tripla Solidaria. Convido a todo o mundo a que se pase polo porto e desfrute do espectáculo e do ambiente”.
As inscricións para o circuíto están abertas e poden realizarse a través da web: www.feb.es/3×3/
CaixaBank, patrocinador de referencia do baloncesto español
CaixaBank é socio patrocinador da Federación Española de Baloncesto (FEB) e patrocinador oficial da selección española, tanto feminina como masculina, en todas as súas categorías, que van desde a absoluta ata a sub-16, e patrocinador principal da Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidade Física, co obxectivo de impulsar o baloncesto en cadeira de rodas.
A entidade financeira involucrouse co baloncesto nacional desde o ano 2013 e a súa implicación e activación de múltiples iniciativas ao redor deste deporte axudaron a visibilizar e ampliar a repercusión dos maiores éxitos cultivados internacionalmente.
Na súa implementación da estratexia de patrocinio local, CaixaBank colaborou cos principais eventos baloncestísticos que se celebraron na última década en España, tanto profesionais como amateurs, como a Copa do Mundo de 2014 celebrada en España, a colaboración coa Copa do Mundo de Baloncesto Feminino celebrada en Tenerife o ano 2018, o Eurobasket feminino que se disputou en Valencia en 2021 ou o histórico compromiso co Circuíto 3×3 CaixaBank, o maior circuíto de baloncesto 3×3 na rúa que se disputa desde o ano 2012.
Desde a súa creación, o circuíto alcanzou xa un total de 143 paradas itinerantes e roza os 64.000 participantes acumulados, superando os 475.000 visitantes ao longo da súa traxectoria. Un crecemento sostido que converte ao proxecto nunha referencia nacional do baloncesto de base e do deporte entendido como ferramenta social.
O binomio FEB – CaixaBank tamén deu como resultado o programa voluntarios FEB CaixaBank. Hoxe en día, o programa conseguiu tecer unha sólida comunidade de preto de 25.000 voluntarios, que dan apoio a todos os eventos oficiais de baloncesto organizados pola FEB.










