O Pavillón de Fontiñas reuniu o pasado sábado varias xeracións de xogadoras nunha xornada con torneo 3×3, un partido 5×5 entre veteranas e cadetes e o recoñecemento ás mulleres que abriron camiño no baloncesto da cidade
A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) celebrou o sábado 31 de outubro, no Pavillón de Fontiñas, a I Xornada Elas Seguen na Cancha, enmarcada na campaña coa que a Federación traballa para que as rapazas non abandonen a práctica do baloncesto durante a súa adolescencia.
A xornada comezou pola mañá cun torneo 3×3 feminino no que participaron 20 equipos de xogadoras federadas, desde premini ata cadete. As finais disputáronse pola tarde, como previa perfecta aos actos de homenaxe.
A continuación, dúas seleccións de veteranas e cadetes enfrontáronse nun partido 5×5 que encheu a bancada de Fontiñas e que uniu na mesma pista distintas etapas do baloncesto feminino santiagués.
Como broche final, a FEGABA rendeu homenaxe a trece mulleres pioneiras e impulsoras do baloncesto feminino santiagués: Pastora Toral, Lola Parrado, Macamen Túñez, Chus Seoane, Pili Rodríguez, Soco Rodríguez, María Maceira, Rita Cea, Chus Boullón, Cuqui Aldrey, Cuca Dios, Carmen Ares e Pilar D. Lorenzana.
O acto, conducido por Carlos Tresandi, reapasou en imaxes a historia do baloncesto santiagués e tivo un especial momento de recordo en memoria das que xa non están. Despois, as homenaxeadas recibiron un recordo de mans de Santiago Caeiro, José Manuel Castelao, Pili Zapico e Susana Fernández Fiuza, persoas que compartiron con elas anos de baloncesto e que tamén foron pezas clave para o impulso do Baloncesto Feminino en Santiago.
Begoña del Río, promotora do programa “Elas Seguen na Cancha”; e o presidente da Xunta Xestora FEGABA, Julio Bernárdez, interviñeron para agradecer en nome da Federación a historia e o legado que configuraron as 13 protagonistas; e Pastora Toral tomou a palabra en representación de todas elas.
Elas Seguen na Cancha
Elas Seguen na Cancha parte dunha idea clave: quen mellor para lembrarlles ás rapazas que se pode seguir que as mulleres que xa o fixeron antes ca elas. O sábado, en Fontiñas, as xogadoras que hoxe medran no baloncesto compartiron pista e homenaxe con quen lles abriu o camiño.









