Santiago de Compostela acollerá a cuarta edición do Campionato de España de Baloncesto 3×3 de clubs en categoría U17 masculina e feminina. A competición celebrarase entre o 12 e o 14 de xuño no pavillón municipal de Santa Isabel, recentemente reformado, e reunirá 80 equipos, 40 femininos e 40 masculinos.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, celebrou que Santiago sexa a sede oficial deste relevante evento deportivo, un dos máis importantes do calendario federativo, e valorou que congregará previsiblemente máis de 1.000 persoas entre deportistas, equipos técnicos e público durante os tres días de competición.
“Santiago consolídase como capital do deporte”, aplaudiu Pilar Lueiro, e reafirmou o compromiso do Concello de Santiago de Compostela co baloncesto.
Visita ás instalacións
A responsable municipal de Deportes visitou as instalacións de Santa Isabel, onde se disputarán os partidos, acompañada do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, quen agradeceu ao Concello de Santiago a súa colaboración e compromiso para lograr que a cidade albergue esta cita deportiva estatal.










