A concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Pilar Lueiro; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García; e o presidente da Xunta Xestora da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernández, visitaron as instalacións nestas horas previas e deron a benvida ao evento que consolida de novo Santiago de Compostela como una importante capital do deporte.
Galicia estará representada por seis equipos nesta cita. En categoría feminina participarán Club Baloncesto Culleredo, Ensino Lugo e Baxi Ferrol; en categoría masculina: Ensino Lugo, Obradoiro CAB e Seis do Nadal Coia.
O presidente da Xunta Xestora da FEGABA, Julio Bernárdez, destacou a importancia de celebrar este campionato en Santiago e agradeceu o apoio das institucións que fan posible o evento. “Estamos moi satisfeitos de traer a Santiago unha competición deste nivel. O respaldo do Concello de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia é fundamental para que Galicia poida acoller os mellores campionatos do calendario federativo nacional. Convidamos a todo o mundo a achegarse ao pavillón de Santa Isabel e gozar dun fin de semana de gran baloncesto”, sinalou Bernárdez.
“Elas Seguen na Cancha”, torneo paralelo de inscrición libre
Ademais da competición oficial, o recinto acollerá os días 12 e 13 de xuño o torneo “Elas Seguen na Cancha”, que se disputará nunha pista exterior anexa ás catro canchas do Campionato de España. O torneo, de inscrición libre (vía www.fegaba.com), está aberto a xogadoras de categoría infantil, cadete, xuvenil e veteranas, e enmárcase na campaña homónima de FEGABA para frear o abandono do baloncesto feminino nas idades máis temperás, especialmente a partir da categoría cadete.










