Ribadeo acollerá o “NORTEO”: I Torneo de Baloncesto Interautonómico de vetaranas”, da man da Federación Galega e a Federación Asturiana de Baloncesto, e coa colaboración do Concello de Ribadeo e CB Ribadeo.
Os vindeiros 26 e 27 de outubro, a vila Ribadense vivirá en primeira persoa a estrea dunha cita na que xogadoras veteranas, chegadas de Asturias e a propia Galicia, abrirán a temporada desfrutando do deporte, da confraternización e amosando os valores do Baloncesto máis alá da pista.
Cinco equipos galegos e tres asturianos protagonizarán dúas xornadas ben completas, cun total de 12 partidos repartidos entre o Pavillón Polideportivo e o Pavillón de Deportes.
Os encontros terán lugar o sábado 26 en horario de mañá (11:00 e 12:30 h) e tarde (18:00 e 19:30 h) e o domingo 27 en quenda de mañá (10:30 h e 12:00 h). O acceso a todos eles será libre.
Galicia estará representada neste “NORTEO” por Proyecto Cris Seijo (Fundación Breogán) (Lugo), CB Rodaballo (Vigo), Basket Aurum (Ferrol), ADC Dos más Uno (Santiago) e un último equipo por confirmar. Dende Asturias visitarán Ribadeo: Avigoats, Gijón Basket e Pumarchi.
NORTEO: Baloncesto e Valores
Federación Galega e Federación Asturiana de Baloncesto impulsan esta I edición do “Norteo” con clara vocación integradora, apostando polo Baloncesto, os seus valores e ás implicacións da vida deportiva máis ala dos 35 anos.
Nesta liña, todas as participantes no Torneo sumarán esforzos en apoio á Asociación Española contra o Cancro. Portando todas elas camisetas rosas, remarcarán a importancia do traballo de investigación na prevención do cancro.
Esta primeira edición do “Norteo” contará tamén coa colaboración de Gestión GRATELU S.L., que achega o seu compromiso co NORTEO a través da acción de respaldo á Asociación Española Contra o Cancro.












