Ribadeo, nova casa para as Seleccións Galegas

Ribadeo será a sede das concentracións das categorías inferiores da Federación Galega de Baloncesto, tras convenio asinado entre o Concello e o noso Presidente; Julio Bernárdez.

No acto de sinatura, no que tomaron tamén parte este luns, 20 de setembro; o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, a coordinadora do CB Ría de Ribadeo, Ana Prieto, e o técnico municipal de Deportes, Iván López; púxose de manifesto a impecable capacidade de acollida e de xestión deportiva das instalacións do Concello e a súa total idoneidade para o traballo das seleccións de categorías base.

O Presidente FEGABA quixo remarcar este importante paso dado tanto para a Federación como para o Concello, subliñando todas as facilidades e opcións que presenta a vila ribadense como escenario da dinámicas das seleccións galegas. Así mesmo, agradeceu a total colaboración tanto do propio Concello como do CB Ría de Ribadeo.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “Ribadeo convértese deste xeito no Concello do baloncesto galego”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram