O campionato terá lugar mañá e o sábado 8 de setembro a partir das 9:00 horas no Complexo do Monte do Gozo e estenderase ata a noite
Á xornada sumaranse actividades para toda a familia con sesións DJ, Espazo FalaRedes, o Partido das Estrelas, inchables, concurso de triplas e sorteos
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024. Preto de 300 persoas participarán esta fin de semana no Torneo Go!Go!Zo! 3×3. A presentación da competición tivo lugar esta mañá na praza central do Complexo do Monte do Gozo e contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García; o integrante da organización de Go!Go!Zo!, Julio Asorey, e a delegada en Santiago de Compostela da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), Begoña del Río.
Na súa intervención, Asorey agradeceu o apoio amosado desde a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e da FEGABA nesta “clara aposta polo deporte entre a mocidade”. Un proxecto que se desenvolve por primeira vez e que rexistrou “un grande éxito de convocatoria, rematándose axiña as inscricións hai xa varias semanas”.
Pola súa banda, Valentín García destacou “o valor desta atractiva e novidosa iniciativa que conxuga lingua, deporte, mocidade e tempo de lecer a través de diferentes propostas, entre as que se poderá gozar de dúas que chegan da man da Rede de Dinamización Lingüística, dentro do Espazo FalaRedes, para promover e dinamizar o uso do galego”.
Nesta liña tamén se pronunciou Begoña del Río. “O deporte, co baloncesto 3×3 como modalidade en pleno auxe, a nosa lingua e as actividades de lecer conforman unha equipa perfecta”, asegurou. Nesta liña, agradeceu á Xunta de Galicia e a Go!Go!Zo! o interese por esta disciplina deportiva e por “todos os valores que esta achega”.
O Torneo Go!Go!Zo! desenvolverase entre mañá e pasado dende as 9:00 horas ata a noite, e incluirá unha ampla programación de actividades de lecer para toda a familia. A tempada 2024-25 abrirase con esta celebración de baloncesto na súa modalidade 3×3 que vai reunir a xogadoras e xogadores de todas as idades, dende a categoría Premini ata Sénior, federados e non federados, en equipos masculinos, femininos e mistos, con medallas para os gañadores e subcampións.
Paralelamente ao campionato, a Pista 3×3 acollerá o Partido das Estrelas e un concurso de triplas e de habilidades, pero a cativada poderá gozar tamén noutros catro espazos máis. No Escenario Xacobeo, con sesións DJ de música; no Punto FEGABA, para resolver calquera dúbida co torneo; e no Espazo FalaRedes, con animación, inchables e os concertos Cantigaéverso (sábado 7 ás 11:45 horas) e María Faltri Picadiscos (domingo 8 ás 12:45 horas), co apoio da Rede de Dinamización Lingüística.
Na zona de restauración achegaráselle ao público unha ampla oferta gastronómica, con parrillada e carta, e que se pode reservar xa a través do enderezo electrónico montedogozo@montedogozo.com ou chamando ao teléfono 682 27 06 22.
Asemade, o festival inundarase de sorteos, agasallos e máis sorpresas, cortesía de La Pepita, Gonzaba e Carrís Hoteles, ofrecendo ceas nos seus respectivos restaurantes, e unha fin de semana a Porto para catro persoas.
Esta actividade da FEGABA dentro da cuarta edición do festival Go!Go!Zo! conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén participan ABANCA, Gadis, Estrella Galicia, La Pepita, Gonzaba e Carrís Hoteles. Colabora o Complexo do Monte do Gozo. Pódese consultar toda a información en www.gogozo.gal, e o regulamento e horarios en www.fegaba.com, así como nas redes sociais (@gogozofestival e @fegababaloncesto).










