
(Info: celtabaloncesto.com) Na mañá deste mércores, e grazas ás facilidades do Real Club Celta S.A.D., o Estadio Municipal de Balaidos foi escenario da presentación do “I Memorial Paco Araujo”. En homenaxe ao que foi durante quince anos (2001-2016) presidente do RC.Celta- Bosco, o vindeiro 24 de Setembro o Pavillón de Navia albergará desde primeira hora da mañá, un Torneo autonómico de Minibasket Feminino, coa presenza de seis clubs relevantes do baloncesto galego.
Como cita estrela, desde as 20:00 horas e na mesma instalación, terá lugar o partido senior que enfrontará a Celta Zorka e Perfumerías Avenida, actual campión da liga española e na actualidade, club máis laureado do panorama nacional, con numerosas internacionais nas súas filas.

Ao acto de hoxe, conducido polo presidente do R.C. Celta- Bosco, Carlos Alvarez, asistiron José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; David Regades, Tenente de Alcalde do Concello de Vigo e deputado provincial; Carmen Avendaño, conselleira do R.C.Celta S.A.D.; e Francisco Martín Micó, presidente da Federación Galega de Baloncesto, ademais de directivos de ambos clubs irmáns.










