O mellor minibasket dáse cita en Marín no XII Torneo de Seleccións Autonómicas

Concello de Marín e Federación Galega de Baloncesto unen forzas organizativas e paixón polo baloncesto un ano máis. Xuntos promoven esta fin de semana o XII Torneo de Seleccións Autonómicas Minibasket “Concello de Marín”, cita que xa é referente deportivo na vila e que reúne na mesma o mellor baloncesto dos xogadores e xogadoras máis novos.

Este sábado e domingo, 14 e 15 de febreiro, as Seleccións Autonómicas de categoría Minibasket de Galicia, Euskadi, Castilla León e Asturias, tanto masculinas como femininas, serán as protagonistas desta cita amigable que hoxe viviu a súa posta de longo da ma da alcaldesa de Marín, María Ramallo; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba; e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez.

A alcaldesa de Marín sinalou que “Marín consolídase como sede deportiva de referencia en Galicia. Acoller desde a súa terceira edición de xeito consecutivo este torneo é motivo de orgullo para toda a vila, e reflexo do noso compromiso co deporte base e coa promoción dos valores que transmite o baloncesto aos máis pequenos”.

Pola súa parte, o presidente FEGABA destacou que “este torneo é moito máis ca unha competición: é unha aposta polo futuro do baloncesto. Ver a catro comunidades reunidas en Marín, compartindo cancha e valores, demostra que o minibasket é o alicerce sobre o que se constrúe todo o noso deporte”.

O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, subliñou que “desde o Concello de Marín seguimos apostando por eventos que poñan en valor o deporte formativo. Este torneo é un exemplo perfecto de colaboración entre institucións e de como o deporte pode ser motor de convivencia e ilusión para os nenos e nenas”.

O Pavillón A Raña acollerá o xogo en categoría feminina, facendo o propio o Pavillón do Colexio San Narciso na masculina. En ambos os casos, celebraranse os partidos en horario de mañá e tarde de sábado, e durante a xornada matinal do domingo, contando con retransmisión en directo a través da canle oficial da FGB en YouTube da totalidade dos encontros.

Calendario XII Torneo de Seleccións Autonómicas

XII TORNEO DE SELECCIÓNS MINIBASKET CONCELLO DE MARÍN

CATEGORÍA MINI FEMININA – PAVILLÓN A RAÑA

14 DE FEBREIRO DE 2026

10:00 h GALICIA – CASTILLA LEÓN

12:00 h ASTURIAS – EUSKADI

16:00 h GALICIA – EUSKADI

18:00 h CASTILLA LEÓN – ASTURIAS

15 DE FEBREIRO DE 2026

10:00 h EUSKADI – CASTILLA LEÓN

12:00 h ASTURIAS – GALICIA

CATEGORIA MINI MASCULINA – PAVILLÓN SAN NARCISO

14 DE FEBREIRO DE 2026

10:00 h EUSKADI – ASTURIAS

12:00 h GALICIA – CASTILLA LEÓN

16:00 h CASTILLA LEÓN – ASTURIAS

18:00 h GALICIA – EUSKADI

15 DE FEBREIRO DE 2026

10:00 h EUSKADI – CASTILLA LEÓN

12:00 h ASTURIAS – GALICIA

 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram