O Concello de A Estrada volve a ser a Capital Galega do Minibasket

Este sábado e domingo, 3 e 4 de xuño; os Pavillóns Manuel Coto Ferreiro e CEIP Figueroa vivirán con intensidade as Fases Finais FGB das Ligas Minibasket e Preminibasket.

Esta 2022 – 2023 será a décima temporada na que esta competición ten lugar no Concello de A Estrada, consolidando a gran ligazón organizativa e institucional entre o Concello, o EDM Estradense e a propia FGB.

O Alcalde da Estrada José López Campos; o Presidente FGB, Julio Bernárdez; e Alfonso Sanmartín, Presidente do EDM Estradense; presentaron esta mañá as Fases Finais FGB Minibasket e Preminibasket, competición que terá lugar no Concello da Estrada esta fin de semana.

Dando a benvida a que será unha nova festa do baloncesto base, os tres compartiron os detalles e características dunha cita que reunirá a un total de 44 equipos (16 preminis e 28 minis) que competirán polo título de campións galegos e, como novidade este ano, en categoría Minibasket farano tamén por obter dúas prazas no Campionato de España de Clubs.

Un total de 660 participantes reuniranse nas pistas dos Pavillóns Manuel Coto Ferreiro e CEIP Figueroa, compartindo ademais o seu xogo coas afeccións. A competición porase en marcha o sábado a partir das 9:30 horas e estenderase ata as finais do domingo, a disputarse todas en horario de tarde e en directo vía FEGABA TV. 

O calendario completo de cada categoría pode consultarse AQUÍ. 

Alcalde de A Estrada, José López Campos; recoñeceu a importancia de chegar á décima edición desta Fase Final FGB, un evento que sitúa unha vez máis á A Estrada como a Capital do Deporte en Galicia. “A Federación Galega de Baloncesto foi a primeira que nos abriu a porta a acoller eventos deportivos que convertesen ao noso Concello en referencia no mapa deportivo de Galicia. Hoxe, xa son máis de 15 federacións deportivas as que teñen A Estrada como eixo das súas actividades” salientou. “A Estrada permanece disposta a continuar e mellorar, se cabe, as relacións coa FGB. O noso concello está sempre aberto a colaborar co deporte”.

Presidente FGB, Julio Bernárdez; manifestou a súa ilusión por poder vivir en primeira persoa un evento xa tradicional para a Federación Galega e que, dende fai xa dez anos “impulsou con especial empeño o anterior Presidente FGB, Paco Martín; ao que recoñecer e agradecer a boa relación establecida co Concello de A Estrada, unha ligazón que derivou en eventos como esta Fase Final” .

Bernárdez remarcou tamén o seu total agradecemento ao Alcalde e Club local, figuras claves para que esta cita sexa un faro para o baloncesto base. A Estrada, indicou, suma a “idoneidade das súas marabillosas instalacións e unha situación de equidistancia xeográfica privilexiada” que a convirte nunha aliada perfecta para a celebración de eventos deportivos.

Alfonso San Martín pechou a presentación convidando a todos os afeccionados a achegarse aos Pavillóns para desfrutar do xogo dos máis novos. “Dende o EDM Estradense estamos comprometidos con que este evento sexa unha festa. Trátase dunha satisfacción total que a FGB siga contando coa Estrada e con nós. Estamos sempre dispostos a participar”, concluíu.

 

 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram