- O Concello de A Estrada renova, unha tempada máis, a súa condición de capital galega do Minibasket. Este sábado e domingo, 30 e 31 de maio, os Pavillóns Manuel Coto Ferreiro e CEIP Figueroa volverán ser escenario das Fases Finais FEGABA das Ligas Galegas de Minibasket e Preminibasket.
Chega ese momento da tempada no que A Estrada se converte, por méritos propios, no epicentro do baloncesto de formación galego. Grazas á colaboración do Concello e de A Estrada Basket, os 44 partidos que comprenden as Fases Finais dos Campionatos “Xunta de Galicia” Minibasket e Preminibasket encherán a localidade de deporte e dos valores que o acompañan.
O Alcalde de A Estrada, Gonzalo Louzao; o Presidente da FEGABA, Julio Bernárdez; e Paula Pose, vicepresidenta de A Estrada Basket; presentaron esta mañá a cita.
Gonzalo Louzao, alcalde de A Estrada, destacou a traxectoria acumulada e o arraigo do evento no municipio: “Hoxe presentamos un dos grandes eventos deportivos que temos no noso concello. Xa perdemos a conta das edicións que levamos recibindo a Federación Galega de Baloncesto na que é a súa casa”.
O rexedor subliñou ademais que “hai máis de 20 anos que as escolas deportivas municipais acollen este deporte como un dos deportes base do deporte estradense”, e trasladou o seu agradecemento á institución federativa: “Temos un agradecemento especial a Julio Bernárdez e á Federación Galega de Baloncesto por seguir contando con A Estrada, facendo que tanto este sábado como o domingo teñamos catro pistas e centos de persoas que van facer que sexamos a capital do baloncesto”.
Julio Bernárdez, presidente da Federación Galega de Baloncesto, apelou ao valor emocional da cita: “Cando vimos a A Estrada sobran os números, só queremos falar de sentimentos. Imos asistir ao día máis feliz de moitos deportistas novos da nosa terra”.
O mandatario federativo anunciou ademais unha iniciativa inédita que se estreará precisamente en A Estrada: a FEGABA presentará unha camiseta especial para os árbitros e oficiais de mesa menores de 18 anos. “Queremos mostrar a todo o mundo que hai árbitros e oficiais de mesa que son menores de idade, e que hai que ser conscientes da trascendencia que ten o increpar ou menosprezar o seu esforzo e labor”, subliñou Bernárdez.
Paula Pose, vicepresidenta de A Estrada Basket, expresou o entusiasmo do club ante a responsabilidade de acoller o evento por primeira vez: “Desde A Estrada Basket, e en colaboración co Concello, estamos encantados de poder acoller as finais do Minibasket e recibir a todos os clubs participantes, convertendo A Estrada nun punto de referencia do baloncesto galego”. A dirixente subliñou o significado da cita: “Para nós é unha alegría poder vivir un evento así, cheo de deporte. Compañeirismo, ilusión e ver estas pistas cheas de nenos, familias e afeccionados desfrutando do baloncesto”. Tamén tivo palabras de recoñecemento para cantos traballan entre bambalinas: “Queremos agradecer o traballo de todos os adestradores e voluntarios cos que contaremos para que todo funcione ben este fin de semana”.
A competición
Un total de 660 participantes daranse cita nos Pavillóns Manuel Coto Ferreiro e CEIP Figueroa. A competición arrancará o sábado a partir das 9:30 horas e estenderase ata as finais do domingo, que se disputarán en horario de tarde (17:30 H E 19:30 H) e en directo a través de FEGABA TV.
Os equipos clasificados, así como o calendario de cada categoría, estarán dispoñibles en APP e web FEGABA.










