
A marca #adestradorgalego volve a cobrar protagonismo neste Nadal. A Área Deportiva FGB, pensando de novo nas posibilidades formativas de todos os técnicos, convoca unha nova edición do “Claustro Docente FGB”.
O Polideportivo Municipal de Celanova acollerá esta iniciativa didáctica o vindeiro domingo, 27 de decembro; agrupando en torno a un mesmo eixo temático, “a evolución do xogador en formación”, a catro relatores habituais do ámbito FGB:
Carlos Maceiras: adestrador superior (91/92).
César Iglesias: adestrador superior (09/10) e técnico en 1º división infantil feminina co Real Club Celta.
Pedro Rivero: adestrador superior (14/15) e xogador do Ourense Provincia Termal (Leb Oro).
Andrés Cadahía: adestrador superior (09/10) e actualmente na disciplina do AD Porto do Son.
Programación
Esta revitalizada proposta do “Claustro Docente FGB” terá lugar ao longo de toda a xornada dominical indicada, combinando, en formato de mañá e tarde, catro intervencións teóricas, xantar de convivencia e debate e obradoiros en pista.
O detalle horario de todas estas accións, así como a faceta específica de cada charla son:
10:30 h CESAR IGLESIAS: “Xestos técnicos universais na mellora individual”
11:45 h PEDRO RIVERO: “Recursos necesarios para un xogador en espazos exteriores”
13:00 h ANDRES CADAHÍA: “Decisións ofensivas cerca do aro”
16:00 h CARLOS MACEIRAS: “Asociar o xogo desde a táctica individual”.
Inscrición
Os datos xa confirmados son os relativos ao proceso de inscrición. Así, todos os interesados en formalizar a súa presenza poderán facelo ata o vindeiro 23 de decembro cubrindo os seguintes requisitos:
– Pago cuota inscrición (12 euros – inclúen o xantar) na conta 2100/1455/14/0200227406 ES96 (“la Caixa”)
– Envío vía mail (adestradores@fegaba.com) do xustificante de pago, engadindo os datos persoais.
Validación Horaria
Seguindo o proceder lectivo da Área de Adestradores FGB, este “Claustro Docente” terá un valor de 12 horas de Formación Complementaria para todos aqueles adestradores que asistan á xornada completa e que precisen sumar horas de formación ao seu currículo deportivo.












