O 3×3 DepOUrense, nova cita no calendario

A Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto activan o “3×3 DepOUrense”.

Grazas á colaboración directa entre ambas as entidades, o próximo 22 de xuño, a modalidade de Baloncesto 3×3 farase protagonista na cidade de Ourense. Durante todo o día, o Pazo dos Deportes “Paco Paz” e os espazos anexos vivirán unha xornada de competición 3×3 e actividades lúdicas, coa música e as artes urbanas como aliadas perfectas da práctica deportiva.

Sobre a pista central do Pazo e na súa pista auxiliar poñeranse en xogo as categorías desde premini ata sénior, incluíndo unha categoría +45 e outra familiar, abrindo a posibilidade a todas as idades de gozar dos atractivos do Baloncesto en formato 3×3.

O “3×3 DepOUrense” fará unha aposta decidida por converterse nun evento deportivo popular 100% saudable aberto á participación de tod@s os ourensan@s, de calquera idade e con ganas de gozar dunha xornada deportiva co baloncesto como principal aliado. Así, o sábado 22 de xuño todos os participantes gozarán de froita fresca e auga e poderán realizar doazóns de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue do Sergas, froito do acordo entre a Federación Galega de Baloncesto e a mencionada axencia.

A pesar de que o carácter competitivo non é o principal compoñente deste evento, contarase con trofeos para os dous primeiros clasificados, así como un recordo para todos os participantes xunto con outras sorpresas en forma de concursos e agasallos. O “3×3 DepOUrense” outorgará ademais un premio especial para os campións en cada categoría.

INSCRICIÓN – PECHADA

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram