Nova temporada para os Cursos de Iniciación á Arbitraxe CGAB

A Federación Galega de Baloncesto activa novas oportunidades formativas para entrar a formar parte do mundo da arbitraxe!.

A partir do final de agosto comezan os novos Cursos de iniciación do Comité Galego de Árbitros.

As regras de Baloncesto, coas súas infraccións e peculiaridades, así como a mecánica, finalización e funcións específicas dos oficiais de mesa serán a base da aprendizaxe nesta formación.

Durante este camiño didáctico, o cadro de técnicos do CGAB acompañará aos alumnos e alumnas nos seus pasos iniciais no mundo da arbitraxe, abríndolle as portas a un mundo no que o Baloncesto, pero tamén as experiencias persoais enriquecedoras, son protagonistas.

Oferta Formativa

A programación dos Cursos de Iniciación á arbitraxe 2024 – 2025 configúrase con 3 convocatorias de carácter semipresencial por cada Delegación Zonal FGB.

Deste xeito o alumnado poderá escoller delegación e convocatoria a inscribirse.

As sedes por delegación nas que se realizará o curso na súa parte presencial son: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Vigo e Vilagarcía. 

As tres citas formativas dispoñibles para a inscrición en cada unha das sedes son:

Convocatoria 1

– 30/08/24 (Horario de tarde. On line. Parte teórica: 4 horas).

– 31/08/24 (Horario de mañá. Presencial. Parte práctica: 4 horas).

Convocatoria 2

– 13/09/24 (Horario de tarde. On line. Parte teórica: 4 horas).

– 14/09/24 (Horario de mañá. Presencial. Parte práctica: 4 horas).

Convocatoria 3 

– 20/09/24 (Horario de tarde. On line. Parte teórica: 4 horas).

– 21/09/24 (Horario de mañá. Presencial. Parte práctica: 4 horas).

INSCRICIÓN

A Inscrición nos Cursos de Iniciación a arbitraxe CGAB  pode tramitarse a través da Tenda Formativa FEGABA.  

Na mesma pódese escoller, en primeiro lugar, o curso en función da sede, e dentro deste a convocatoria. * As convocatorias levaranse a cabo sempre que se conte cun número mínimo de 5 alumnos en cada caso. 

Cada curso ten un custe inicial de 30 euros (Inclúe Licenza FGB). 

Posteriormente, unha vez superado o curso, o alumno deberá aboar:

– O Seguro deportivo obrigatorio.

– Uniformidade (o custe desta amortizarase coa realización de partidos, nun máximo de tres meses. Para este proceso asinarase un documento de cesión da mesma, válido ata o pago total da roupa).

A idade mínima para realizar o curso é a dos 14 anos. 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram