Máis de 400 participantes e 100 equipos no Torneo 3×3 de baloncesto de Go!Go!Zo! e a FEGABA

  • O campionato chega á súa terceira edición, que se celebrará este sábado 22 e domingo 23 no Complexo do Monte do Gozo.

Máis de 400 inscritos e 100 equipos participarán esta fin de semana na terceira edición do Torneo 3×3 de Go!Go!Zo!, organizado coa Federación Galega de Baloncesto.

A presentación do evento tivo lugar esta mañá no Complexo do Monte do Gozo coa presenza do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román; o representante do festival, Julio Asorey; a delegada da FEGABA en Santiago, Begoña del Río; e Daniel Illán, Director Técnico do Comité Galego de Árbitros de Baloncesto.

Na presentación, Julio Asorey, destacou que “o torneo converte o Monte do Gozo nun punto de encontro da xuventude galega”, unha cita ineludible que describe Begoña del Río “non deixa de medrar cada edición, combinando deporte e lecer, aberta a todos, e pola que nos sentimos moi orgullosos de colaborar por terceiro ano”. Dende a Xunta de Galicia, Marcos Gómez Román, salientou que “iniciativas como esta permiten achegar os valores do Camiño na práctica do deporte: a igualdade, a solidariedade e o afán de superación”.

A competición tomará a Praza Exterior deste emblemático espazo de peregrinación dende as 9:30 horas ata o atardecer en ambas xornadas. Contará con dúas pistas de xogo oficiais, nas que se sucederán partidos de 10 minutos tanto o sábado 22 coas categorías de Cadete, Xuvenil e Sénior, como o domingo 23 nas modalidades de Premini, Mini e Infantil. Asemade, nesta fin de semana completa para pequenos e maiores, o deporte combinarase con música, concursos e a diversión dos inchables.

O terceiro Torneo 3×3 busca consolidar unha proposta que combina deporte e lecer e que, ano tras ano, está a conseguir sumar novos participantes. A colaboración coa Federación permite achegar o baloncesto á mocidade nun formato máis aberto, dinámico e participativo, ao tempo que promove a práctica deportiva nun espazo singular e en galego. Esta iniciativa enmárcase dentro da sexta edición do Festival Go!Go!Zo!, e conta co soporte da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Deleite e Gadis.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias