
Novas caras coñecidas deron brillo este martes a unha xornada máis do “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB”. A presenza na Residencia Aceimar dos xogadores Lucho Fernández e José ángel Antelo; e do técnico ferrolán, Antonio Pérez, engadiu calidade e sabia galega ao traballo da FGB.
Antonio Pérez traballou cos xogadores en facetas como a técnica de bote e a coordinación individual. Así mesmo, respostou sen problema algún a todas as cuestións relativas aos adestramentos que se lle foron plantexando por parte dos nenos e nenas.
Contribuíron tamén Lucho e Antelo a facer as delicias dos máis pequenos competindo amigablemente xunto a eles e provocando moitos sorrisos entre todos. Ambos os xogadores lembraron a súa etapa de aprendizaxe e desfrutaron de poder compartir a mañá cos participantes deste “I Campus FGB”.

Mércores: tempo para a diversión
O ritmo de adestramentos deste “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB” vivirá no día de hoxe unha pequena tregua na que a parcela estritamente lúdica cobra peso. No plan do día focaliza a atención unha excursión a través da que visitar vilas veciñas a Vigo e aproveitar, se a meteoroloxía o permite, dunha tarde de praia.










