– Un total de 250 xogadores dos anos 2014 e 2015 participarán o vindeiro 1 de novembro na edición 2025 desta cita.
– Os partidos desputaranse no pavillón municipal de Esteiro e no pavillón do CEIP de Esteiro.
O concelleiro de Deportes de Ferrol, Ricardo Aldrey, presentou esta mañá, xunto a José Cobelo, representante da Federación Galega de Baloncest, a “Xuntanza Minibásquet 2025”, cita que se celebrará o sábado 1 de novembro na cidade departamental.
Este evento deportivo, xa tradicional no calendario FEGABA de cada temporada, configúrase como unha ocasión perfecta para afondar no traballo de seguimento e avaliación dos xogadores e xogadoras das xeracións 2014 e 2015. Da man de diferentes adestradores chegados de toda Galicia, reúnense as seleccións das sete delegacións zonais FEGABA, así como un dobre combinado autonómico baixo a denominación “Galicia 2015”.
Estes 16 equipos contarán cun calendario de partidos que permitirá encher a xornada de baloncesto e aprendizaxe. Estes desputaranse no pavillón municipal de Esteiro e no pavillóns do CEIP de Esteiro. Cada equipo xogará un total de tres partidos sen resultado ao longo do día, o que “fai que sexa unha cita apetecible para os participantes, xa que lles asegura xogar varios encontros”, tal e apuntou Aldrey.
O concelleiro destacou a aposta de Federación Galega de Baloncesto por Ferrol, traendo á cidade por segundo ano consecutivo unha competición autonómica. Pola súa banda, Jose Cobelo agradeceu ao Concello a súa colaboración, destacando ademais a gran afluencia de visitantes que rexistra sempre esta cita. Ambos animaron á cidadanía a achegarse a Esteiro o 1 de novembro para descubrir este evento deportivo.










