Fernando Romay participará no Día do Pequebasket 2014

O ex xogador estará en Carballo o 17 de maio con centos de nenos de toda Galicia.

A presenza de Fernando Romay no “2º DIA do PEQUBASKET” supón un novo impulso para o evento organizado pola Escola de Basket Xiria, que xa foi incluído pola Federación Galega de Baloncesto no programa Galicia 2014, Imos pola Copa.

O ex xogador, que asistiu en Santiago no acto no que se deu a coñecer o calendario das actividades promocionais da Copa do Mundo FIBA 2014, desprazarase a Carballo o vindeiro 17 de maio para compartir unha xornada de deporte, xogo e diversión con centos de nenos chegados de toda Galicia.

A participación do ex xogador do Real Madrid e da Selección Española de Baloncesto vén a avalar as numerosas xestións que están a realizar a Escola de Basket Xiria e a propia Federación Galega de Baloncesto ante a FEB (Federación Española de Baloncesto), que contan coa colaboración do Concello de Carballo e da Deputación Provincial da Coruña para a organización dunha xornada lúdica na que imperarán o espírito deportivo e a alegría. Máis de 400 nenos de cinco a oito anos de idade celebrarán o Día das Letras Galegas en Carballo con diversas actividades deseñadas especialmente para eles.

Nesta ocasión a responsabilidade do club é aínda maior, pero iso non fai máis que reforzar o noso compromiso cunha actividade na que cremos firmemente e que, como demostran os datos do ano pasado, pode ter unha proxección aínda maior. A Escola de Basket Xiria está a poñer todo da súa parte para que así sexa. Unha das novidades que se teñen presentado este ano é a nova imaxe do Día do Pequebasket, na que optamos por un deseño alegre e colorido que reflicte o significado desta actividade. E tamén está dispoñible xa a páxina web creada especificamente para o evento, http://www.diapequebasket.es/, na que podedes atopar toda a información sobre a xornada do 17 de maio.

Na páxina web tamén están a disposición dos clubes o folleto informativo e a folla de inscrición, aínda que as anotacións deben formalizarse a través da web da Federación Galega de Baloncesto, https://fegaba.com/. O prazo continúa aberto ata o día 25, pero xa son numerosos os clubes que teñen confirmada a súa participación.

O vindeiro 17 de maio esperamos reunir en Carballo a máis de 400 nenos procedentes de toda Galicia, e, en consecuencia, a máis de 400 familias que compartirán con nós unha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión que será posible grazas á implicación de institucións como o Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, e á colaboración de numerosas empresas e entidades ás que queremos agradecer publicamente o seu esforzo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram