FEGABA e Sport Data Decision asinan acordo de colaboración para impulsar a formación tecnolóxica dos adestradores

  • A Escola Galega de Adestradores (EGA) incorporará a plataforma IndoorData como ferramenta de apoio pedagóxico nos seus programas formativos, facilitando o acceso gratuíto aos instrutores e aos adestradores en formación.

A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), a través da súa Escola Galega de Adestradores (EGA), e a empresa tecnolóxica portuguesa SD2 – Sport Data Decision establecen acordo de colaboración co obxectivo de fomentar a dixitalización, a innovación e a integración de novas ferramentas tecnolóxicas na formación de adestradores de baloncesto.

O acordo designa a IndoorData como “Socio Tecnolóxico para a Formación de Adestradores” da EGA, promovendo o uso desta plataforma como recurso para a planificación, o seguimento e a análise das sesións de adestramento.

No marco desta alianza, SD2 proporcionará acceso gratuíto a IndoorData a todos os instrutores da EGA, así como licenzas individuais sen custo para os adestradores que estean a realizar a parte práctica dos seus cursos de formación.

A plataforma integrarase como ferramenta pedagóxica nos cursos de iniciación, Nivel 1 e Nivel 2, así como en clinics, seminarios, obradoiros e outras actividades de formación continua organizadas pola EGA.

O acordo contempla tamén a organización de presentacións, obradoiros e actividades específicas deseñadas para que tanto o alumnado como o profesorado se familiaricen co uso de IndoorData e adquiran destreza no seu manexo.

Esta colaboración vai máis alá do simple uso dunha plataforma tecnolóxica, ao establecer un marco para o desenvolvemento conxunto de proxectos de innovación, a investigación sobre metodoloxías docentes e a creación de novas funcionalidades adaptadas ás necesidades formativas específicas da EGA.

Con esta iniciativa, a Federación Galega de Baloncesto reforza o seu compromiso coa modernización dos procesos de ensino e a incorporación de recursos dixitais que contribúan a mellorar a preparación dos adestradores en Galicia. O convenio establece unha duración inicial dun ano, con posibilidade de renovación automática por períodos sucesivos.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias