A Federación Galega de Baloncesto e o Club Baloncesto Breogán, coa colaboración da Fundación Breogán, selan un acordo marco de cooperación que sitúa o fortalecemento da arbitraxe galega como un dos seus eixos prioritarios.
O convenio, que establece canles de colaboración permanente entre ambas as institucións, pon un especial foco nas iniciativas vinculadas ao Comité Galego de Árbitros, co obxectivo de mellorar a comunicación e a coordinación entre o club e a Federación neste ámbito estratéxico. Entre as accións previstas, o acordo contempla novas oportunidades formativas para os colexiados do CGAB.
“Estamos moi satisfeitos con este acordo, que fortalece a nosa relación institucional co Breogán e contribúe ao desenvolvemento dos nosos árbitros e oficiais”, sinalou Julio Bernárdez, presidente da FEGABA, quen rubricou a colaboración xunto a Salva Arco, Director xeneral do club lucense.
Esta colaboración enmárcase no obxectivo da Federación de favorecer un crecemento coordinado e sostible do baloncesto galego en todas as súas vertentes.
O acordo inclúe tamén a achega da Breogán Academy, posta en marcha polo CB Breogán e centrada no seguimento de xogadores novos e no asesoramento a clubs de formación, buscando sinerxías formativas entre as que encaixan á perfección as relativas á arbitraxe.










