– 20.000 adhesivos a modo de “sensores” poderanse ver durante toda a fin de semana do 15 e 16 de novembro portadas por xogadores e xogadoras de baloncesto, así como adestradores, árbitros e oficiais de mesa.
– A acción conta un ano máis co apoio de equipos galegos de categorías nacionais.
A Federación Galega de Baloncesto, a través do seu proxecto “SOCIAL BASKET”, e en colaboración con ANEDIA, Asociación de Nenos e Nenas e Xente Nova con Diabetes, activa por segundo ano consecutivo a campaña “Sensores nas pistas”.
No marco da celebración, o vindeiro xoves 14 de novembro, do Día Mundial da Diabetes, ambas as entidades volven unir forzas para sensibilizar e dar a coñecer o que significa vivir con diabetes tipo 1 e como se pode axudar ás persoas e, en especial aos deportistas, que a padecen no día a día.
Tras o éxito da primeira edición, a iniciativa duplica o seu alcance e repartirá entre todos os federados do baloncesto autonómico un total de 20.000 adhesivos que simulan un sensor como o que empregan as persoas que conviven con esta enfermidade. Xogadores, adestradores e equipos arbitrais portaranas no marco de partidos oficiais a celebrar o venres e sábado, 15 e 16 de novembro.
Os equipos galegos de categorías nacionais sumaranse tamén unha tempada máis a esta acción simbólica demostrando o seu compromiso cos valores que o Baloncesto representa.
ANEDIA
ANEDIA, Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes de Galicia, nace en 2013 co obxectivo principal de reivindicar a asistencia sanitaria especializada e multidisciplinar para todos os afectados pola diabetes tipo 1.
Presente na maioría de áreas sanitarias de toda Galicia, defende os dereitos das persoas con diabetes co fin de conseguir a súa plena integración escolar, laboral e social.










