A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), da man da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Secretaría Xeral para o Deporte, pon en marcha unha convocatoria para seleccionar 30 centros docentes sostidos con fondos públicos que participarán nun programa de promoción do baloncesto 3×3 dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria durante o curso 2025/26.
A iniciativa, de carácter experimental, ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva en contornos rurais e núcleos urbanos de pequena entidade nos que o acceso do alumnado ao deporte resulta limitado pola inexistencia ou insuficiencia de infraestruturas. Búscase así avanzar cara á equidade territorial e garantir que todo o alumnado, con independencia do seu lugar de residencia, poida acceder a experiencias deportivas educativas de calidade.
Quen pode participar e como solicitalo
A convocatoria está dirixida exclusivamente a centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería que conten con 5º e 6º de Primaria na súa oferta. Terán prioridade aqueles centros situados en poboacións con menor número de habitantes e con menor número de alumnado matriculado, procurando ademais un reparto equitativo entre as catro provincias galegas.
Os centros interesados deberán presentar a súa solicitude a través do formulario electrónico dispoñible na aplicación Programas Educativos (https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/), seleccionando “Programas de éxito educativo” e, dentro da convocatoria 2025/26, o programa Baloncesto 3×3. A solicitude debe incluír a motivación do centro para participar.
O prazo de solicitude está aberto ata o 17 de marzo de 2026.
Que recibirán os centros seleccionados
Os 30 centros seleccionados contarán con mentoría específica por parte da FEGABA, unha dotación de material deportivo para a práctica do 3×3 e material didáctico elaborado pola federación para facilitar o desenvolvemento das actividades.
O 3x3FEGABA segue a dar pasos máis alá: formativos, deportivos e sociais.
Máis información e bases completas: convocatoria baloncesto 3×3










