A Federación Galega de Baloncesto, a través do Comité Galego de Árbitros de Baloncesto (CGAB), abre o prazo de inscrición para os Cursos de Iniciación á Arbitraxe da tempada 2026-2027, dirixidos a quen queira formarse como árbitro/a ou oficial de mesa.
A formación consta de 10 horas repartidas en tres módulos —dous online e un presencial— e completarase co seguimento posterior dos técnicos arbitrais zonais, que acompañarán o proceso de crecemento dos novos colexiados e oficiais.
A parte presencial celebrarase en varias quendas, a elixir unha delas, entre finais de agosto e setembro, con sedes en A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, para achegar a formación a todo o territorio galego.
Trátase dunha oportunidade de calidade para iniciarse no mundo da arbitraxe sen necesidade de experiencia previa. O curso ten un custo de 30 € e o prazo de inscrición variará en función da sede e data escollidas para a parte presencial.
As inscricións poden formalizarse xa mesmo vía TENDA FORMATIVA FEGABA.










