A Estrada acollerá o 13 de decembro un evento que combina baloncesto e reflexión sobre como apoiar ás mozas deportistas na etapa cadete.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de A Estrada e o clube A Estrada Basket.
A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) presenta “ELAS SEGUEN NA CANCHA”, unha xornada singular que o vindeiro 13 de decembro abordará un dos retos máis importantes do baloncesto galego: manter e reforzar a participación das mozas deportistas na práctica federada durante e a partir da súa etapa cadete.
A cita, que terá lugar no Pavillón Manuel Coto Ferreiro de A Estrada, combinará a competición oficial con un espazo de diálogo e reflexión. Nove clubs da delegación da FEGABA en Santiago participarán nunha xornada que busca non só visibilizar o talento das xogadoras, senón tamén atopar claves para apoiar a súa continuidade no deporte federado.
Deporte e debate: unha programación completa
A xornada arrincará ás 09:45 horas con partidos oficiais das Ligas FEGABA nas categorías Júnior, Cadete e Infantil. Ás 11:30 horas, o balón dará paso ás palabras cunha mesa redonda baixo o título ‘Elas seguen na cancha’, que se prolongará ata as 12:30 horas. Posteriormente, retomarase a competición ata as 14:30 horas.
Participarán na pista os clubs Baloncesto Galdea, CD Galogrín, CB Basketdeza, Compañía de María Santiago, A Estrada Basket, Obradoiro CAB, AD Básquet Ames, FEDESA e ADB Fontiñas.
Os seus partidos, así como a mesa redonda, serán de acceso libre para todas aquelas persoas que desexen participar.
Esta iniciativa é posible grazas ao firme compromiso do Concello de A Estrada e o clube A Estrada Basket, que ceden as instalacións e apoian activamente o desenvolvemento do baloncesto feminino na zona.
Voces que inspiran
A mesa redonda, baixo o título ‘Elas seguen na cancha’, reunirá perspectivas diversas. Moderada pola xornalista Cristina Guillén, contará coa participación de:
Iris Díaz, árbitra FEB e membro do Comité Galego de Árbitros
Susana García Senra, vicepresidenta FEGABA e ex xogadora internacional
Carmen Arca, presidenta do CB San Pelayo
Estela Pintos, xogadora de ADB Fontiñas
Paula Lamas, xogadora de AD Manuel Peleteiro
Andrea Rodríguez, xogadora de AD Manuel Peleteiro
Un compromiso colectivo co baloncesto feminino
Desde a Federación Galega de Baloncesto destacan a importancia desta iniciativa como un exercicio de escoita activa e traballo conxunto. “Esta xornada celebra o talento das nosas xogadoras e vai máis aló do deporte. Queremos escoitalas, comprendelas e apoialas para que sigan facendo o que lles apaixona”, sinala Begoña del Río, delegada FEGABA en Santiago.
A FEGABA convida a clubs, familias e todas as persoas vinculadas ao baloncesto a sumarse a esta xornada que celebra o presente e constrúe o futuro do baloncesto feminino galego.










