“Elas Seguen na Cancha”: 120 xogadoras compiten e reflexionan sobre a continuidade no Baloncesto Feminino

  • A Estrada acolleu este sábado a primeira cita da nova campaña da Federación Galega de Baloncesto “Elas Seguen na Cancha“, iniciativa que combina baloncesto e reflexión sobre como apoiar ás mozas deportistas durante e após da súa etapa cadete.
  • Esta primeira convocatoria do proxecto contou coa colaboración do Concello de A Estrada e o clube A Estrada Basket.

A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) levou a cabo este sábado, 13 de decembro; a estrea da súa campaña “ELAS SEGUEN NA CANCHA”, un proxecto singular que nace da inquietude da propia Federación por abordar un dos retos máis importantes do baloncesto galego: manter e reforzar a participación das mozas deportistas na práctica federada durante, e máis al´a da súa etapa cadete, fase na que se localiza a maior porcentaxe de abandono. 

No Pavillón Manuel Coto Ferreiro de A Estrada, e coa colaboración do Concello de A Estrada e o Club A Estrada Basket, a Federación Galega de Baloncesto ofreceu un espazo a un total de 120 rapazas e os seus adestradores para combinar a competición oficial da tempada co diálogo e a reflexión, en forma de mesa redonda. Nove clubs da delegación FEGABA en Santiago deron vida así a unha mañá de auténtico valor para todas as e os presentes.

Referentes e espellos nos que mirarse

A mesa redonda, baixo o título ‘Elas seguen na cancha’, reuniu a referentes do baloncesto galego en categoría feminina que puideron achegar as súas perspectivas diversas. Da man da xornalista Cristina Guillén, todas as xogadoras, as súas familias e técnicos, recolleron testemuñas que falaron de “sentido de pertenza”, de “esforzo, compromiso e organización” e de “aprendizaxe para a vida e o futuro”, como pequena mostra dos motivos polos que, tras a experiencia de cada unha das relatoras, paga a pena continuar practicando baloncesto —e deporte en xeral— na entrada á idade que corresponde coas categorías cadete e júnior.

Estas testemuñas viñeron da man de Iris Díaz, árbitra FEB e membro do Comité Galego de Árbitros; Susana García Senra, vicepresidenta da FEGABA e ex xogadora internacional; Carmen Arca, presidenta do CB San Pelayo; Estela Pintos, xogadora de ADB Fontiñas; e Paula Lamas e Andrea Rodríguez, xogadoras de AD Manuel Peleteiro.

Un compromiso co futuro

A Federación Galega de Baloncesto, encabezada nesta xornada polo seu presidente, Julio Bernárdez, e a súa delegada en Santiago e impulsora da campaña, Begoña del Río, quixo destacar a presenza e participación de todas as xogadoras e as súas familiasAgradecendo tamén, en verbas da propia Begoña, “a participación e papel dos clubs, adestradores e familias no obxectivo de buscar que as xogadoras continúen o seu camiño no baloncesto”, destacou a importancia desta iniciativa como “un exercicio de escoita activa e traballo conxunto”.

O presidente da FEGABA, Julio Bernárdez, anunciou tamén durante esta mañá a celebración de novas citas desta campaña en próximas datas e noutras localizacións da comunidade galega, co obxectivo de estender esta iniciativa a todas as delegacións“. 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias