
O club herculino segue a apostar polo seu particular proxecto formativo, posto en marcha esta mesma temporada e que, co aval da FGB, recoñece tres horas de formación complementaria por cada charla á que asistan os alumnos en prácticas dos Cursos Federativos.
O programa de charlas formativas “E ti como adestras?”, estreado neste 2016 por Basquet Coruña trae consigo este xoves, 31 de marzo; a presenza do seleccionador galego minibasket masculino e técnico de C.B. Artai, Javier Cotelo.
Recen chegado da súa experiencia no Campionato de España de Seleccións, Cotelo compartirá cos asistentes a esta cita as súas reflexións teóricas en torno a defensa individual. O título concreto que envolverá o espírito da súa charla é “Aprendendo a adestrar a defensa individual”.
Programación
A intervención de Javier Cotelo suma a quinta realizada xa no marco deste proxecto didáctico, o cal, completarase ademais no tempo coa seguinte axenda:
12/04/16 – “Tecnificar en todas as idades. Propostas para equipo LEB”. Charlie Uzal.
21/04/16 – “O 1×1 tras xogo sen balón. Atacar sobre o pase”. Román Gómez.
05/05/16 – “Fomentar a liberdade para decidir”. Fernando Buendía.
19/05/16 – “Metodoloxía da técnica individual en categorías de formación”. Jorge Iglesias.
09/06/16 – “Adestramento do tiro nas diferentes idades de formación”. Mª José Cousillas.
Inscrición
O prazo de inscrición está aberto para todas as sesión deste programa, que son gratuítas e abertas a todos os adestradores da cidade e da súa área metropolitana. O lugar e hora de celebración será a Polideportiva de Riazor 2, á partir das 22:30 horas.
Para realizar a inscrición os interesados poden dirixirse ao Club a través do correo club@basquetcoruna.com ou do teléfono 981 264 022.












