
A Federación Galega de Baloncesto concretou este martes, da man dos clubs implicados nas Copas Galicia de categoría Sénior Feminina e EBA, cal será o sistema de competición para cada unha delas nesta 2013 – 2014.
Reservando para o mes de outubro o protagonismo para ambas as citas, que celebrarán en Ferrol a súa final na mesma xornada, FGB e equipos participantes decidiron dar vida ás Copas baixo os seguintes formatos:
XXI COPA GALICIA SÉNIOR FEMININA
Os nosos seis representantes en Liga Feminina 2 configuran a XXI edición da Copa Galicia Sénior Feminina, materializando a fórmula de xogo que combina fase previa e fase final. Distribuídos en dous grupos elaborados por proximidade xeográfica, os seis equipos en liza disputarán unha fase previa da cal os dous mellores de cada bando pasarán a semifinais.
Os grupos en competición son:
Grupo Norte: Porta XI, Universitario Ferrol e A.D.Cortegada.
Grupo sur: R.C. Celta, Arxil e Pabellón Ourense.
A primeira etapa da copa celebrarase os días 29 de setembro, 6 de outubro e 13 de outubro. A fase final terá lugar os días 18 (semifinais) e 19 de outubro (final).
COPA GALICIA EBA
A Copa Galicia EBA conta nesta 2013 – 2014 con sete participantes, que optarán á gran final tras unha fase previa a dilucidar en liga a unha volta. Establecidos en dous grupos, por proximidade xeográfica, Chantada Galicia Vento, Instituto Rosalía de Castro, Ourense Capital Termal, Estudiantes Lugo, Santo Domingo Betanzos, Ferrol CB e Baloncesto Narón, buscarán ser os líderes dos seus respectivos grupos, prazas que darán acceso directo á final.
A dualidade norte – sur definirá a competición do seguinte xeito:
Grupo Norte: Estudiantes Lugo, Santo Domingo Betanzos, Ferrol CB e Baloncesto Narón.
Grupo Sur: Chantada Galicia Vento, Instituto Rosalía de Castro e Ourense Capital Termal.
A Fase Previa celebrarase os días 6, 9 e 13 de outubro, reservándose a final para o día 19.
XXI Copa Galicia Sénior Feminina – Calendario Fase Previa.
Copa Galicia EBA – Calendario Fase Previa.










