O Hotel NH Obradoiro da capital galega foi o escenario elixido para a terceira parada de 2012 do programa de educación en valores da Fundación FEB 2014 e Renfe. Santiago de Compostela deuno todo unha vez máis co baloncesto como protagonista, nunha noite na que pais e formadores estiveron acompañados polo Presidente da Federación Galega de Baloncesto e polo Subdirector Xeral da Xunta de Galicia, entre outros. O acto contou ademáis coa colaboración de “la Caixa”, patrocinador da FGB.
(FEB)/ Que Santiago de Compostela é unha cidade comprometida co baloncesto non é ningún segredo tal e como se puido demostrar na noite deste venres, data na que Compostela se entregou á chegada do programa “Vía Deportiva” como xa fixese o pasado ano con citas da talla da final da Copa Príncipe 2011 ou como coa visita do programa “Cidades Adecco”, acollendo entre ambas a máis de 11.000 participantes.
Nesta ocasión, a Fundación FEB 2014 e Renfe chegaron ata Santiago de Compostela cun programa conxunto destinado aos formadores dos xogadores de futuro do baloncesto español. José Manuel Beirán e Fernando Romay ofreceron aos asistentes unha atractiva conferencia presentada polo Subdirector Xeral da Xunta de Galicia, Calos Gómez; e polo presidente FGB, Francisco Martín. Ambos foron teloneiros de luxo nunha noite na que estiveron tamén acompañados polo presidente de honra da da Federación Galega, Paco García.

Desde un punto de vista baseado na experiencia de varias décadas ligados ao baloncesto, Romay e Beirán impartiron unha conferencia centrada na educación en valores para pais e técnicos daqueles nenos en idade de formación co único fin de tratar de reforzar o traballo diario que os protagonistas da educación desenvolven no día a día dos seus fillos.
Tras a proxección dun vídeo e a exposición das diferentes ideas que compoñen o programa, Romay e Beirán deron paso a unha animada quenda de preguntas que terminou por converterse nunha pequena mesa redonda plena de experiencias debido á participación activa de todos os asistentes á conferencia.
A conclusión do acto supuxo a saída do tren de valores de Renfe e a Fundación FEB 2014 cara a unha nova estación, a da localidade de Pamplona quen se converterá en próxima sede do programa na tarde-noite do próximo xoves 1 de Marzo.










