Nace o Circuíto 3×3 “Deputación da Coruña”. A I edición desta actividade achegará o baloncesto en modalidade 3×3, dunha forma divertida e coa rúa como escenario, aos nenos e nenas federados nados entre 2011 e 2016.
Deputación da Coruña e Federación Galega de Baloncesto poñen en marcha o I Circuíto 3×3 da “Deputación da Coruña”. Ao longo do mes de xuño o Baloncesto en modalidade 3×3 despregará todos os seus atractivos nas rúas dos concellos de Carballo, Ordes e Brión.
Dirixido á participación dos clubs federados da provincia da Coruña, esta I edición do Circuíto 3×3 “Deputación da Coruña” contará en xogo coas categorías premini, mini e infantil.
A competición levarase a cabo ao longo de tres datas diferentes: dúas fases previas e a gran fase final. As primeiras terán lugar en Carballo (7 de xuño) e Ordes (14 de xuño), celebrándose a Fase final en Brión o 28 de xuño.
Cada club poderá inscribir un máximo de tres equipos, dando prioridade aos clubs sen ningún equipo inscrito. En cada fase previa poderán participar un máximo de 16 equipos por categoría, podendo ser femininos, masculinos ou mixtos e competindo xuntos.
Os equipos estarán integrados por un máximo de catro xogadores e un mínimo de tres, contando tamén cun responsable de equipo que deberá contar con licencia federativa na tempada 2024-2025 e ser maior de idade.
Inscrición
Todos os equipos que desexen formalizar a súa inscrición no “I Circuíto Baloncesto 3×3 Deputación da Coruña” deberán inscribirse no portal de clubs da Federación Galega de Baloncesto: https://fegaba.gesdeportiva.es/clubes
Os equipos poderán inscribirse para unha ou dúas das Fases previas, tendo en conta sempre que a clasificación para a Fase final determinarase polo sumatorio dos puntos conseguidos nas dúas primeiras sedes.
A cota de inscrición será de balde. O Prazo para tramitar a inscrición na Fase previa de Carballo pecha o luns, 2 de xuño. Pola súa banda, o prazo para a Fase Previa de Ordes pecha o 9 de xuño.
A información completa da competición pode consultarse nas Bases oficiais da mesma e no Documento FEGABA de información xeral.










