A entidade ferrolá convida aos nenos e nenas da “Xuntanza Minibasket” do 1 de novembro a asistir de balde ao encontro ante CAB Estepona.
Os participantes na Xuntanza Minibasket que se celebrará en Ferrol o vindeiro sábado 1 de novembro terán a oportunidade de rematar unha xornada de baloncesto redonda grazas á invitación de BAXI Ferrol.
O club ferrolán convida a todos os xogadores e xogadoras que participen na Xuntanza a asistir ao encontro de Liga Feminina Endesa que o equipo disputará esa mesma tarde (20:30 h) no Pavillón da Malata ante CAB Estepona.
Entradas gratuítas para os participantes
A través desta iniciativa, BAXI Ferrol ofrece entrada de balde a todos os nenos e nenas que tomen parte na Xuntanza, sempre que se solicite previamente a través dun formulario habilitado para tal fin.
Ademais, os familiares acompañantes poderán acceder ao recinto cunha entrada a prezo reducido de 8 euros.
Unha xornada completa de baloncesto
Esta proposta permite aos máis pequenos vivir unha experiencia completa: xogar pola mañá na Xuntanza e desfrutar pola tarde dun partido oficial de baloncesto profesional. Unha combinación perfecta para inspirar e motivar aos futuros talentos do baloncesto galego.
Prazo de solicitude
As familias interesadas en aproveitar esta oportunidade deben cumprimentar o FORMULARIO DE SOLICITUDE antes do venres, 31 de outubro ás 12:00 horas.
Desde a Federación Galega de Baloncesto agradecemos a BAXI Ferrol esta iniciativa, que contribúe a estreitar os lazos entre o baloncesto de formación e o baloncesto profesional, ofrecendo aos nosos xogadores e xogadoras máis novos unha oportunidade única de vivir o baloncesto desde dentro.










