O 2025 foi un ano de consolidación para o baloncesto galego. Baixo a presidencia de Julio Bernárdez, a Federación Galega de Baloncesto mantivo o rumbo marcado: xestión seria, diálogo constante cos clubs e compromiso co crecemento do noso deporte en todo o territorio.
Xestión estable, federación próxima
A FEGABA traballou durante todo o ano cunha idea clara: a estabilidade económica non é un fin en si mesmo, senón a base para que os clubs galegos teñan máis apoio e mellores servizos. A xestión foi planificada, transparente e sostible, permitindo reforzar a estrutura deportiva sen comprometer o futuro.
Galicia consolidou ademais a súa posición dentro da Federación Española de Baloncesto, participando activamente nos procesos decisorios e fortalecendo o peso do baloncesto galego na estrutura estatal.
A Xunta Directiva estivo presente ao longo do ano en competicións, clausuras, eventos locais e accións formativas. Esa presenza reflicte o que queremos ser: unha federación cercana, accesible e comprometida con cada punto de Galicia.
Relación coas institucións e o movemento federado
A FGB mantivo durante 2025 unha relación próxima, empática e bidireccional coas institucións públicas, traballando xuntos por un baloncesto que creza con apoio real e coordinación efectiva.
Do mesmo xeito, a colaboración con UFEDEGA e CUFADE e o conxunto do movemento federado galego seguiu sendo unha peza clave para o desenvolvemento do deporte na nosa comunidade.
Unidade e traballo en común
O baloncesto galego amosou en 2025 que cando se traballa xuntos, os resultados chegan. Clubs, delegacións e comités técnicos colaboraron con naturalidade, creando un ambiente de convivencia que se notou en cada pavillón e en cada acto federativo. A paz social non pretende ser un slogan: é o día a día do noso baloncesto.
Loita contra a violencia e código ético
En 2025 cumpriuse un ano desde a posta en marcha do noso Código Ético, unha ferramenta fundamental na loita contra a violencia no deporte. A FEGABA mantivo o seu compromiso firme por garantir espazos seguros, respectuosos e libres de calquera forma de violencia, traballando de forma constante na prevención e na promoción de valores como o respecto, a dignidade e a convivencia. O baloncesto galego quere ser un referente en conduta exemplar dentro e fóra da cancha.
Resultados que enchen de orgullo
As nosas seleccións volveron demostrar o nivel do talento galego:
As seleccións 3×3 trouxeron medallas do Campionato de España de Melilla, confirmando que o traballo nesta modalidade vai por gran camiño. A Selección Infantil Masculina conseguiu o bronce no Campionato de España de Seleccións Autonómicas, un resultado que premia anos de traballo na base.
Os clubs e deportistas galegos seguiron competindo ao máximo nivel, levando o nome de Galicia con orgullo por toda España e nun contexto internacional.
Copas Galicia: eventos de referencia
As Copas Galicia Masculina, Feminina e EBA deron un gran salto de calidade en 2025, consolidándose como eventos de referencia do baloncesto galego. Máis espectáculo, máis público e máis emoción en competicións que representan o carácter e o talento do noso deporte nas súas diferentes facetas, e que seguirán medrando ano tras ano.
Baloncesto feminino e valores
O compromiso da FEGABA co baloncesto feminino seguiu medrando. “Elas Seguen na Cancha” consolidouse como un proxecto con impacto real que busca ofrecer motivos para que as xogadoras máis novas continúen apostando polo Baloncesto. O Torneo “Norteo”, celebrado en Marín, volveu reunir a xogadoras veteranas nun encontro de convivencia e paixón polo baloncesto, demostrando, de novo, que o Baloncesto Feminino é poderoso e non ten idade.
A recuperación de Basketgal
Un dos momentos máis emotivos do ano foi a recuperación da Gala Basketgal, un espazo para celebrar tanto as lendas como o presente do baloncesto galego. Basketgal volveu ser o lugar onde honrar a quen fixo grande este deporte e recoñecer a quen o está a escribir agora mesmo.
Comité Galego de Árbitros: estabilidade e mellora continua
O Comité Galego de Árbitros mantivo durante 2025 un traballo constante e comprometido, coa mellora como horizonte permanente. A estabilidade na súa xestión e a formación continua dos colexiados galegos permitiron garantir a calidade arbitral nas nosas competicións, reforzando o prestixio da arbitraxe galega con Daniel Illán como director técnico ao fronte.
Mirada europea e social
A Federación participou en iniciativas europeas vinculadas á sostibilidade, á inclusión e á educación deportiva, traballando por un baloncesto que sexa tamén ferramenta de desenvolvemento social e territorial.
O 2025 foi un ano de madurez institucional e orgullo colectivo. A Federación Galega de Baloncesto segue avanzando con estabilidade, proximidade e visión de futuro, situando a Galicia como referente de xestión e valores no deporte español.
Grazas a clubs, adestradoras, adestradores, árbitros, xogadoras, xogadores e afeccionados por facer posible outro gran ano do baloncesto galego.










