Con auténtico entusiasmo. Así latiu o iniciou da competición “3×3” premini na Delegación en Ourense. Pioneira en Galicia a nivel oficial FGB coa “formula 3×3”, a zonal de Ourense reuniu este domingo en Carmelitas a un total de quince equipos premini da cidade que tiveron a honra de arrincar esta peculiar liga.
Os xogadores, pertencentes a Carmelitas, Escola Deportiva Ourense, Pabellón Ourense e C.D. Maceda, tomaron parte de 27 encontros intensos, didácticos e rápidos, quedando con ganas de que chegue canto antes a segunda xornada, prevista para o 18 de febreiro.
Xogadores e adestradores, protagonistas directos, non foron os únicos en agradecer este novidoso xeito de competir e dar cabida a un novo proxecto para formar ás categorías de base. Familiares, afeccionados e mesmo os medios de comunicación de referencia da cidade e provincia deron unha cálida benvida á “formula “3×3”. Como exemplo, o positivo reflexo, de agradecer dende aquí, que o xornal “La Región” recolleu tras esta primeira xornada.

Un proxecto de todos
Todos os activos do Baloncesto en Ourense quixeron ser partícipes desta estrea. Árbitros e formadores técnicos incluídos. Unha nutrida representación deste colectivo, en maior medida de colexiados que están no seu nivel iniciación, tutelados por un total de oito formadores técnicos, compartiron tamén a experiencia na pista interior de Carmelitas, transformándoa nun chanzo máis da súa formación.
Polo apartado de árbitros participaron: Eduardo Ramos, Raquel Castro, Nicolás Pérez, Paula González, Roque Bouzo, María Ramos, Víctor Prol, José Souto, Laura Vázquez, Ainhoa Gómez, Laura Varela e Milagros Somoza. Como Técnicos: Juan Carlos Sánchez, Juan José Freán, José Luis Camiña, Luis Balboa, Carlos Fernández, Jorge Vega, Manuel Delgado e Elio Clavería.
A todos eles agradecer a súa colaboración para co proxecto “3×3”, do que estamos seguros que non fixo máis que plantar a súa semente.
La Región: “El Baloncesto 3×3 `premini´, iniciativa pionera en Galicia”.












