O Concello de Marín e a Federación Galega de Baloncesto, xunto coa Xunta de Galicia, e as xogadoras do PeixeGalego, presentaron a segunda edición do “Norteo”, Torneo que xuntará aos 6 destacados equipos de veteranas.
O Concello de Marín acolleu este martes a presentación da segunda edición do Torneo “NORTEO”, a firme aposta da Federación Galega de Baloncesto deporte veterano feminino.
Na posta de longo desta cita, que se celebrará no Concello de Marín este sábado e domingo, 20 e 21 de decembro; tomaron parte a alcaldesa da vila, María Ramallo; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; o xefe provincial do servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; os concelleiros Antonio Caíña e Antonio Traba, e as xogadoras do Marín PeixeGalego, Alicia Alonso Iglesias e Rebeca Sánchez Rodríguez.
Esta II edición do “Norteo” reunirá as xogadoras veteranas do CB San Cibrao, o Maristas Coruña, o Marín PeixeGalego, Las Herminias de León, o CB Arxil e o Cris Seijo Breogán. A competición terá lugar no Pavillón San Narciso.
O presidente FEGABA, Julio Bernárdez; quixo destacar que se trata “dun evento enormemente importante para a Federación,desde a que estamos tratando de loitar contra o abandono do deporte no caso das mulleres, que é maior que no caso dos homes”.
No apoio ao deporte feminino, Bernárdez destacou os froitos que está dando o traballo que se fai desde a base, “tanto a través do programa XOGADE como despois no resto de idades. De feito, agora temos máis do 35% das licencias femininas”. O presidente agradeceu moito o apoio do Concello de Marín “pola súa implicación para acoller sempre os eventos que propoñemos”.
Pola súa banda, o xefe provincial do servizo de Deportes, Daniel Benavides destacou que en baloncesto feminino, “a provincia de Pontevedra é referente” e incidiu nesa idea de que a práctica deportiva ten que durar “toda a vida”, polo que é importante facer eventos e competicións que se adapten ás persoas que non son de competición, pero que si atopan no deporte unha forma máis de ocio.
Precisamente, as xogadoras do Peixe falaron de que chegaron ao basket “pola práctica dos nosos fillos e descubrimos algo que nos encanta polo traballo en equipo que xera e que, a pesar de ser un reto pola conciliación que supón, axuda á nosa saúde tanto física como mental”.
Nesa liña se manifestou tamén a alcaldesa, María Ramallo, que asegurou que ese “igual que tantos outros, é un espazo por conquistar, é a constancia e ganas non nos gana ninguén”. Ademais, agradeceu á federación que pensase en Marín para este torneo, “porque na nosa vila, o baloncesto sementou unha semente especial que a día de hoxe aínda segue dando os seus froitos”.










