
– A cidade do Apóstol convértese un ano máis en escenario para as Fases Finais das Ligas FGB Minibasket e Preminibasket. O xogo repartirase entre os Pavillóns de Vite e Restollal.
– A FGB conta para a organización destas Fases coa colaboración directa da Secretaría Xeral para o Deporte, Concello de Santiago, “la Caixa” e McDonald´s.
As categorías Mini e Premin buscan coroar aos seus campións.Concluídas as fases regulares e cruces clasificatorias precisas, un total de 24 equipos procedentes das sete Delegacións da FGB comparecerán en Santiago este sábado, 2 de xuño, con posibilidades de pasar a engrosar o palmarés das Ligas FGB 2011 – 2012.
Fase Final Minibasket
A rolda de Semifinais dará saída a esta Fase. Citados os oito equipos en liza no Pavillón de Restollal, os decisivos encontros desta quenda darán comezo ás 10.00 h.
En categoría masculina buscarán a copa C.B. Culleredo, Seis do Nadal, Estudiantes de Lugo e Muebles Victoria Barco. Un representante de cada provincia galega optará a ser campión.
Pola súa banda, no apartado feminino repetirán Estudiantes de Lugo e Seis do Nadal, aos que se lle suman Mercedarias e C.B. Arxil A.
Fase Final Preminibasket
Trasladando a emoción ata o Pavillón de Vite, cobrará o seu protagonismo a Fase Final Premini. Nela comparecen os campións das ligas regulares de cada Delegación Zonal que disputa competición nesta categoría e, xunto a eles, os dous subcampións da zona de Vigo (como delegación con maior número de equipos inscritos nesta categoría).
Deste xeito, un total de 16 equipos (8 en feminino e 8 en masculino) encherán de baloncesto a xornada do sábado dende as 09.30 h ata as 19.00 h, horario estipulado para o inicio da final masculina.
Ao remate deste encontro procederase a entrega de trofeos, tanto preminis como minis. Ambas as categorías reuniranse no Pavillón de Vite para recoñecer e aplaudir aos campións.
Nos documentos que se achegan preséntanse os calendarios de cada categoría
Fase Final Liga FGB Minibasket – Calendario.
Fase Final Liga FGB PreMinibasket – Calendario.










