Consulta, a continuación, os resultados e estatísticas das Seleccións Galegas Infantil e Cadete no seu primeiro día de competición no Campionato de España de Seleccións 2018 que se inicia este mércores, tres de xaneiro; na cidade de Valladolid.
Galicia #KDTINF2018 - Resultados 03/01/18
Cadete Feminino - Fase Previa Grupo Especial B
(Galicia, Madrid, Asturias, Andalucía e Canarias)
03/01/18 - Xornada 2
(19.30 h) Galicia – Madrid (Pavillón Lalo García) (6 - 18 - 19 - 20, 7 - 19, 18 - 9) (50 - 66) (estatística)
Galicia debutou conderrota ante unha impoñente selección de Madrid, que deixou claro o seu potencial dende o comezo de partido. Un arreón inicial de xogo e puntos plantou na pista ao combinado rival cando, pola contra, Galicia tardou en espertar, rexistrando un primeiro cuarto xa á baixa (6 – 18).
O equipo madrileño mantivo as súas opcións superiores ao longo de todo o encontro, sentido máis forte o alento galego únicamente no segundo período, no que seu foi o derradeiro parcial e as gañas de seguir aspirando á igualdade. Pero un decisorio e negativo, terceiro cuarto deixou as opcións galegas sentenciadas, a pesares de regresar do vestiario algo máis enchufada. Na metade deste período, tres triplas consecutivas de Madrid marcaron o seu camiño da vitoria e ampliaron unha vantaxe que xa se amosaba insalvable para os intereses galegos (32 – 57. 3Q).
Os derradeiros dez minutos continuaron esta tónica, deixando o electrónico en 16 puntos dunha diferencia que tamén foi real sobre a pista. (50 – 66)
Infantil Feminino - Fase Previa Grupo Especial A
(Galicia, Cataluña, Navarra, Comunidad Valenciana e Madrid)
03/01/18 - Xornada 1
(09.30 h) Galicia – C. Valenciana (10 - 23, 24 - 14, 17 - 20 - 11 - 17) (62 - 74) (Estatística)
A pesares dunha primeira metade de encontro na que as xogadoras de Fernán Varela non foron quen de engancharse ao ritmo de partido que propuña o rival (10 – 23, 1Q) os minutos previos á chegada do descanso evidenciaron a mellora galega, equilibrando as distancias e encarando o camiño dos vestiarios tan só un punto por debaixo no marcador e moralmente ainda dispostas a buscar a vitoria.
Esta tímida reacción galega volveu recibir réplica rival na segunda parte, pertencendo de novo estos minutos ás xogadoras valencianas, que recuperaron o dominio en pista, estendendo e materializando o mesmo no rexistro final (62 – 74)
03/01/18 - Xornada 2
(17.30 h) Madrid - Galicia (Pavillón Miriam Blasco) (7 - 4, 24 - 14, 12 - 11, 14 - 10) (57 - 40) (Estatística)
As galegas saíron á pista coa súa maior entrega, decididas e poñéndolle as cousas difíciles ás rivais. Un primeiro parcial apretado e escaso (7 – 5) deixaba claro que as xogadoras de Fernán Varela querían sumar o seu primeiro resultado positivo da xornada.
Basando a súa valía na defensa e no carácter como equipo, Galicia tentou manter a tensión e igualdade do primeiro cuarto, pero o horizonte do encontro mudaría a favor do combinado madrileño. A pesares de non baixar os brazos en ningún momento, Galicia sufriu o acerto rival durante todo o segundo cuarto, establecendose diferenzas de ata 12 puntos. (31 – 19, na chegada do descanso).
As nosas infantís regresaron dos vestiarios mantendo o pulso e asinando un moi competido terceiro cuarto (43 – 30), que ainda parecía deixar abertas as posibilidades. As súas intencións estaban claras pero os derradeiros dez minutos aunaron negativamente o acerto madrileño con perigosas imprecisións galegas en situación próximas ao aro, nervios e despistes defensivos.
Nos últimos intres de xogo a vitoria xa tiña firma rival, non reflectindo quizáis no marcador final (57 – 40) todo o traballo despregado por Galicia na pista.
Infantil Masculino - Fase Previa Grupo Especial A
(Galicia, Baleares, Canarias, Andalucía e Madrid)
03/01/18 - Xornada 1
(11.30 h) Galicia – Canarias (Pavillón Pisuerga) (11 - 33, 17 - 20, 14 - 23 , 12 - 19) (54 - 95) (Estatística)
Inicio con mal pé para Galicia en categoría infantil masculina. O equipo que dirixe Javier Peinó padeceu a superioridade física rival e a súa maior claridade tanto en ataque como en defensa. Amplamente distanciados no marcador dende os primeiros compases de xogo, o combinado galego non foi quen de engancharse ao encontro e viu crecer a súa desvantaxe e aminorar a súa capacidade de xogo ata entrados os derradeiros dez minutos, intre no que o ritmo xeral foi diminuindo e Galicia puido atemperar minimamente a situación. Ao remate, abultada derrota (54 - 95) para a estrea, pero a mente posta xa no seu segundo encontro deste mércores, ante Andalucía.
03/01/18 - Xornada 2
(19.30 h) Andalucía - Galicia (Pavillón Miriam Blasco) (17 - 5, 18 - 8, 25 - 12, 29 - 21) (89 - 46) (Estatística)
Os xogadores de Javier Peinó tentaron resarcirse do negativo debut da mañá e presentáronse nesta ocasión na pista cunha mellor actitude. Esta predisposición non viu acompañada de acerto, comezando a sentir as consecuencias dos seus erros xa nun primeiro cuarto que rexistrou un parcial (17 – 5) difícil de remontar, e máis ante un equipo tan completo como se revelou o andaluz.
Esta situación de dominio por parte de Andalucía mantívose en crecemento durante todo o segundo periodo. Se ben os galegos eran quen de mellorar os seus problemas na toma de decisións e ante as numerosas perdas de balón coas que empezaron o campionato, seguían ser estar nada afortunados cara ao aro.
Na segunda metade de encontro, os de Peinó gañaron confianza e acerto ante canastra, pero seguiron sen ser capaces de paliar o xogo coral do rival, selección que seguiu sumando puntos e deixando a Galicia coa súa segunda derrota consecutiva nesta estrea de campionato.
- Galicia #KDTINF2018: Axenda completa de partidos
- Galicia #KDTINF2018: calendario cadete
- Galicia #KDTINF2018: calendario infantil
- Selección Galega Cadete Masculina 2017 - 2018
- Selección Galega Cadete Feminina 2017 - 2018
- Selección Galega Infantil Masculina 2017 - 2018
- Selección Galega Infantil Feminina 2017 - 2018