Galicia afrontou este martes, 11 de abril, a súa derradeira xornada de competición no #PlanetaMini17. Ambas as nosas seleccións, masculina e feminina, competiron a mediodía (13.30 h) polo 5º posto definitivo das clasificacións finais de cada categoría neste Campionato de España de Minibasket 2017.
A fortuna foi dispar e, en dous encontros máis que axustados, as xogadoras que dirixe Fernán Varela impuxéronse a Castela León logrando esa quinta praza máis que meritoria; mentres que, no apartado masculino, o equipo de Javier Cortelo forzou a prórroga ante Madrid, pero sen poder rubricar unha vitoria final. Seu é o 6º posto definitivo. Parabéns a ambas as nosas Seleccións polo seu gran Campionato!
Galicia Minibasket Feminina 2017
Galicia Minibasket Masculina 2017
Resultados #PlanetaMini17 Masculino
Resultados #PlanetaMini17 Feminino
#PlanetaMini17: Galería de Imaxes
Cruces Clasificatorias - 11/04/17
GALICIA MINIBASKET MASCULINA (Grupo Especial) - En xogo o 5º posto
(13.30 h) 3º Grupo A – 3º Grupo B: Madrid - Galicia (78 - 75)
Galicia Masculina: 6º clasificada.
Emocionante e igualado partido o que enfrontou ás seleccións de Galicia e Madrid na loita polo quinto posto. A tensión do partido fixo que a anotación non fose tan alta como nos anteriores encontros e ningún equipo conseguía adiantarse no marcador, sendo os de Javi Cotelo os que terminarían, tras perder o primeiro cuarto por un punto, os seguintes 4 periodos sempre por diante con vantaxes mininas de 1 ou 2 puntos.
O derradeiro cuarto foi vibrante, con bonitos momentos finais nos que se dispuxo dun tiro para gañar que non entrou, chegando así á prórroga. Nesta, por primeira vez dende o periodo inicial, os madrileños conseguirían unha pequena vantaxe no marcador que saberían xestionar para levarse o partido.
GALICIA MINIBASKET FEMININA (Grupo Especial) - En xogo o 5º posto
(13.30 h) 3º Grupo A – 3º Grupo B: Castilla León - Galicia (70 - 74)
Galicia Feminina: 5º clasificada.
Encontro no que o conxunto dirixido por Fernán Varela non saíu á pista como nos ten afeito. Defensivamente non se atoparon cómodas ata o inicio do segundo sexto, malia iso a maior vantaxe que conseguiu Castela León foi de 3 puntos no propio inicio dun partido no que o xogo estivo dominado polas galegas en todo momento.
Un final axustado decidía que a vitoria e o 5º posto en xogo pertencese a Galicia, rubricando así un traballo excepcional durante todo o campionato.