O Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; os seus Vicepresidentes, Ramon Lago e Miguel González; e a Secretaria Xeral, Susana Fernández; entrevistáronse na tarde do mércores, 15 de marzo; en Vigo con Reitor da Universidade, Manuel Reigosa.
O convenio de colaboración xa vixente entre ambas as entidades, así como futuros proxectos en novos ámbitos centraron un encontro no que houbo tamén tempo para lembranzas deportivas.
O momento nostálxico veu da man dos recordos de Presidente e Reitor, que, 48 anos atrás, compartiron equipo en Salesianos Vigo, circunstancia da que temos mostra en imaxe.
Podemos ollar, na fila de abaixo e de dereita a esquerda, ao inesquecible Quino Salvo ao carón dos propios Bernárdez e Reigosa.
Tras este cordial encontro, e como peche do mesmo, o Presidente FGB agradeceu a Manuel Reigosa e a todo o seu equipo a gran acollida a esta nova etapa directiva e deportiva da Federación Galega de Baloncesto.