O Club Ourense Baloncesto, SBL Education e a Deputación de Ourense celebran os días 26, 27 e 28 de xuño o primeiro congreso de analítica, datos e tecnoloxía aplicada ao baloncesto realizado en Galicia. A FEGABA e a Escola Galega de Adestradores incorpóranse ao proxecto e recoñecerán 12 horas de formación complementaria para os adestradores en proceso de titulación que acudan ás xornadas.
O baloncesto galego dá un paso cara ao futuro. A Federación Galega de Baloncesto e a súa Escola Galega de Adestradores únense como entidades colaboradoras ao Basket Data Summit Ourense 2026, o congreso de analítica, datos e tecnoloxía aplicada ao baloncesto que se celebrará os días 26, 27 e 28 de xuño en Ourense, organizado polo Club Ourense Baloncesto xunto con SBL Education e co apoio da Deputación de Ourense.
Tres días de actividades, doce sesións e once ponentes de referencia europea que abranguerán catro bloques temáticos: a orixe e o uso do dato no baloncesto, o dato na elite, comunicación e datos, e sesións prácticas na pista. Un programa pensado tanto para profesionais do sector como para calquera persoa que queira achegarse ao baloncesto desde unha perspectiva moderna e baseada na análise.
12 horas de formación complementaria para adestradores en proceso de titulación
A incorporación da FEGABA e da Escola Galega de Adestradores supón un paso fundamental para o proxecto. Os adestradores galegos que estean a formarse na Escola Galega de Adestradores e que acudan ao Basket Data Summit poderán acreditar 12 horas de formación complementaria, un requisito imprescindible para a obtención das titulacións federativas.
Once referentes do baloncesto europeo
O cartel de ponentes é de primeiro nivel. Diego Ocampo (BAXI Manresa); Moncho Fernández (Girona Bàsquet); Raquel Romo, adestradora de Perfumerías Avenida e da Selección Española feminina absoluta; Javi Rodríguez (Oviedo Club Baloncesto); Luis Aranguren, responsable de estatística da Liga ACB; o matemático e adestrador Lluís Riera; Marc Maset; Guillermo Calvo (Valencia Basket); Bruno Sassi (Federación Internacional de Ski & Snowboard); José Ajero (Movistar+). Pepu Hernández, campión do mundo con España no 2006, será o encargado de pechar o venres cunha conferencia maxistral sobre a xestión de equipos e liderazgo.
O XXVI Clínic de Baloncesto da Deputación de Ourense, integrado no programa
O domingo 28 de xuño, o Basket Data Summit fundirase co XXVI Clínic de Baloncesto da Deputación de Ourense, unha das citas formativas con máis historia do baloncesto galego. Por primeira vez, o Clínic integrarase dentro do programa do Summit, con tres sesións prácticas na pista do Pazo dos Deportes Paco Paz de 10:00 a 14:00 horas. A asistencia ao Clínic está incluída no prezo da entrada xeral.
Un evento aberto a todos
Adestradores, xogadores, xornalistas, afeccionados, estudantes e xestores deportivos terán no congreso un espazo para aprender, debater e conectar cos profesionais que están a definir o futuro do baloncesto de alto nivel.
As inscripcións xa están disponibles na páxina basketdatasummit.com. A entrada xeral, con acceso ás doce sesións e ao campus virtual con todos os materiais das xornadas, ten un prezo de 90€. O pack completo, que inclúe a cea do venres con ponentes e a comida do sábado, ten un prezo de 150€. O aforamento é limitado.
Aloxamento en Ourense
No caso de que precises aloxamento, ao presentar a túa entrada tes unha oferta especial no Hotel Francisco II de Ourense:
- Habitación individual + aloxamento e almorzo: 58 €/noite
- Habitación dobre + aloxamento e almorzo: 74 €/noite
- Garaxe: 10 €/día por vehículo










