A Federación Galega de Baloncesto presenta aos premiados da Gala Basketgal 2025

A Federación Galega de Baloncesto xa ten lista a nómina de galardoados que recibirán a súa homenaxe o próximo 11 de xuño na Gala Basketgal 2025. Recoñeceranse seis figuras históricas a través da nova iniciativa “Lendas do Baloncesto Galego” e oito protagonistas como premios destacados da tempada actual, nunha cita que se celebrará en Santiago de Compostela (Pavillón Multiusos Fontes do Sar”. 

Os Premios “Lendas” do Baloncesto Galego destacarán a Fernando Romay (medallista olímpico, absoluta referencia internacional para o noso Baloncesto e Hall of Fame FEB); Vicente Sanchís (Primeiro árbitro español en dirixir unha final dun Mundial (1990) e unha semifinal olímpica (1988) e Hall of Fame FEB), Juan Fernández García (Pai da ACB e do OAR Ferrol), Vicente Rodríguez “Cholas” (adestrador e ex seleccionador nacional feminino), Susana García (xogadora internacional imprescindible do Baloncesto feminino nacional e galego) e ao Programa “Todo Básquet”, personalizado en Ovidio González e Sergio Delpont; un espazo televisivo que se converteu en referente ao achegar o baloncesto na nosa lingua aos fogares dos galegos.

Os premios á tempada 2024/2025 recoñecerán a Carlos Cortés como árbitro internacional FIBA e Euroliga, Esther Castedo como xogadora profesional; Sergi Quintela como xogador profesional; Lino López como adestrador; Baxi Ferrol co recoñecemento ao mellor club, Paula Salinas, mellor xogadora de formación; e a Selección Galega Infantil Masculina, medalla de Bronce no Campionato de España neste 2025, representando aos xogadores de formación. Como entidade social galardoarase o traballo da “Fundación Breogán”.

O presidente FEGABA, Julio Bernárdez, destaca que “esta gala rende homenaxe ao pasado, presente e ao futuro do noso baloncesto e pon en valor o esforzo e a paixón de estas persoas e entidades”.

A Gala Basketgal 2025 será o 11 de xuño en Santiago de Compostela.

Premiados Gala Basketgal 2025

Lendas: Fernando Romay, Susana García, Juan Fernández García, Vicente Rodríguez “Cholas”, Vicente Sanchís e “Todo Básquet”. 

Premios Temporada 2024/2025. 

Mellor árbitro: Carlos Cortés.

Mellor xogadora sénior: Esther Castedo.

Mellor xogador sénior: Sergi Quintela.

Mellor adestrador: Lino López.

Mellor club: Baxi Ferrol.

Mellor xogadora de formación: Paula Salinas.

Mellor xogador de formación: Selección Galega Infantil Masculina.

Entidade acción social: Fundación Breogán.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias