A Federación Galega de Baloncesto homenaxeará a trece pioneiras do baloncesto feminino santiagués na I xornada “Elas Seguen na Cancha”

O Pavillón das Fontiñas acollerá o sábado, 31 de outubro; un torneo 3×3 feminino, un partido 5×5 entre xogadoras veteranas e cadetes e o recoñecemento ás mulleres que abriron camiño no baloncesto da cidade.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026. A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) celebrará este sábado 31 de outubro, no Pavillón de Fontiñas, unha xornada especial da campaña Elas Seguen na Cancha, a iniciativa coa que a Federación traballa para que as rapazas non abandonen a práctica do baloncesto durante a súa adolescencia.

A xornada reunirá na mesma pista varias xeracións de xogadoras. Comezará cun torneo 3×3 feminino no que participarán 20 equipos de xogadoras federadas, desde premini ata cadete. A continuación, dúas selección de veteranas e cadetes enfrontaranse nun partido 5×5 que unirá épocas e paixón polo baloncesto.

Como broche final, a FEGABA renderá homenaxe a trece mulleres pioneiras e impulsoras do baloncesto feminino santiagués, que abriron e percorreron un importante camiño e cuxo legado segue presente cada día na pista: Pastora Toral, Lola Parrado, Macamen Túñez, Chus Seoane, Pili Rodríguez, Soco Rodríguez, María Maceira, Rita Cea, Chus Boullón, Cuqui Aldrey, Cuca Dios, Carmen Ares e Pilar D. Lorenzana.

A I Xornada “Elas Seguen na Cancha” parte dunha idea clave: quen mellor para lembrarlles ás rapazas que se pode seguir que as mulleres que xa o fixeron antes ca elas. Por iso, esta data especial quere converter a homenaxe ás pioneiras nun exemplo para as xogadoras que hoxe están a medrar no baloncesto.

Programa
De 10:00 h a 14:00 h · Torneo 3×3: Premini e Minibasket, Infantil e Cadete
16:00 h · Finais Torneo 3×3:
17:00 h · Partido 5×5 veteranas–cadetes
17:45 h· Homenaxe ás trece pioneiras do baloncesto feminino santiagués

A entrada ao Pavillón de Fontiñas será libre durante todo o día.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram