
A Área Deportiva FGB convoca o primeiro Centro de Tecnificación Autonómico da temporada. Abrindo unha nova etapa no traballo de control e seguimento das categorías base, os responsables deportivos FGB programan o primeiro CETI para este domingo, 12 de outubro; na localidade de A Estrada.
Nesta vila pontevedresa están citados a comparecer 13 xogadores galegos en idade cadete (nados no ano 2000). No pavillón municipal Manuel Coto Ferreiro exercitaranse en dobre sesión (de 12:00 h a 14.00 h e de 18:00 h a 20:00 h) ás ordes de Héctor Piñeiro, Responsable Zonal FGB; e Cuco Rodríguez, adestrador axudante na actual Selección Galega Cadete Masculina.
A lista do total dos xogadores convocados, así como os clubs de orixe aos que representan poden consultarse no listado que achegamos.
Participación aberta a adestradores
Os adestradores galegos que desexen achegarse este domingo ata A Estrada a coñecer de primeira man a dinámica dos Centros de Tecnificación FGB e o seu esquema de seguimento poden solicitalo vía mail (adestradores@fegaba.com) indicando o seu nome e club de procedencia.
Salientar que a súa presenza nesta convocatoria do 12 de outubro poderase validar por un CETI dos que esixe a formación complementaria para aqueles alumnos dos Cursos de Adestradores FGB.










