A Federación Galega de Baloncesto, a través da Escola Galega de Adestradores (EGA), impulsa unha innovadora xornada de formación práctica dirixida a adestradores e adestradoras.
A actividade, baixo a denominación “Laboratorio de Minibasket 2025” terá lugar este domingo, 9 de novembro, no Pavillón Manuel Coto Ferreiro de A Estrada, no marco da celebración dun novo PDC autonómico para a categoría 2015 adscrito ao programa “Mellorando Xuntos”. Na mesma combinarase observación directa, análise e reflexión sobre a metodoloxía en baloncesto base.
Aprender desde a práctica: o minibasket como laboratorio
Este formato formativo propón unha experiencia baseada na observación activa de sesións reais de adestramento de minibasket, seguida de espazos de debate e análise co profesorado da EGA. Unha oportunidade para descubrir principios aplicables ao traballo diario.
Programa da xornada:
- 09:30 h – Charla inicial de orientación
- 10:00 h – Observación do primeiro adestramento do PDC
- 11:30 h – Pausa e análise guiada co profesorado EGA
- 12:00 h – Observación do segundo adestramento do PDC
- 13:45 h – Posta en común e conclusións
Inscrición gratuíta e validación horaria
A actividade é totalmente gratuíta e está aberta a calquera adestrador ou adestradora interesada. Ademais, o alumnado da EGA poderá validar a súa participación por un total de 8 horas de formación continua.
As inscricións poden realizarse a través do FORMULARIO ONLINE ata o sábado 8 de novembro, incluído.












