A Escola Galega de Adestradores abre o prazo de inscrición para as novas convocatorias de formación en iniciación correspondentes ás delegacións de Arousa, Ferrol e Ourense.
Cumprindo a estrutura habitual da formación en iniciación EGA, os Curso 2025 – 2026 levaranse a cabo en formato mixto, compaxinando aulas online e de carácter presencial.
Nas delegacións de Arousa e Ferrol, a fase presencial celebrarase os días 13 e 14 de setembro de 2025, en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 horas. As sesións en liña terán lugar os días 10, 11, 12, 17 e 18 de setembro, de 20:00 h a 22:00 h, cos exames programados para o 19 de setembro. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de setembro.
En Ourense, a formación presencial levará a cabo os días 27 e 28 de setembro de 2025 no Colexio Salesianos, co mesmo horario. As sesións en liña realizaranse o 24, 25 e 26 de setembro, e o 1, 2 e 3 de outubro, de 20:00 h a 22:00 h, sendo esta última data a destinada a exames. O prazo de inscrición finalizará o 17 de setembro.
Inscrición
A inscrición en cada curso pode realizarse xa a través de dúas vías diferentes:
– As persoas que se inscriban e abonen o curso de xeito particular e individual deben tramitar o proceso a través da nosa TENDA FEGABA para as accións formativas.
– Aqueles adestradores cuxa inscrición e abono da mesma se realice a través do seu club, deberán enviar a adestradores@fegaba.com o xustificante de pago e a reseña dos seus correspondentes datos persoais (Nome completo, DNI, data de nacemento, email de contacto do alumno e club de orixe).
A cota total da inscrición é de 200 euros, taxa que inclúe matrícula en convocatorias ordinarias, docencia, titorías, certificación de diplomas, documentación oficial e material didáctico.












