A Escola Galega de Adestradores (EGA) convoca novas accións formativas de nivel iniciación nas delegacións de Lugo e Santiago para a tempada 2025-2026, mantendo o formato mixto que combina sesións presenciais e online.
Datas e horarios
Ambas as dúas delegacións compartirán o mesmo calendario de formación. A fase presencial celebrarase os días 10 e 11 de xaneiro de 2026, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. En canto á sede física, a delegación de Lugo desenvolverá as súas sesións no Pavillón Escola Aneja, situado ao lado de Maxisterio, mentres que a delegación de Santiago terá lugar na Casa do Neno e no Pavillón Seminario Menor.
As sesións online realizaranse os días 7, 8 e 9 de xaneiro, así como o 14 e 15 do mesmo mes, sempre de 20:00 h a 22:00 horas. Os exames terán lugar o 16 de xaneiro de 2026, tamén en horario de 20:00 a 22:00 horas.
Como inscribirse
A EGA ofrece dúas modalidades para formalizar a inscrición. As persoas que desexen inscribirse de forma individual poden facelo a través da Tenda online FEGABA para a formación. Se o pago non o realiza directamente o alumno ou alumna, deberá incluírse no apartado “Notas do pedido” o nome completo, data de nacemento, DNI, email de contacto e club de orixe, se o hai.
Por outra banda, aqueles adestradores cuxa inscrición sexa xestionada polo seu club deben enviar o xustificante de pago e os datos persoais completos —nome, DNI, data de nacemento, email e club de orixe— ao correo electrónico adestradores@fegaba.com.
O prazo de inscrición para ambas as convocatorias permanecerá aberto ata o 31 de decembro.
Que inclúe o curso
A cota de inscrición é de 200 euros e inclúe matrícula nas convocatorias ordinarias, docencia, atención titorial, certificación de diplomas, documentación oficial e material didáctico. Os interesados poden consultar a Guía Didáctica do Nivel Iniciación para obter información detallada sobre os contidos e a formación complementaria.












