A Deputación de Ourense aposta polo Baloncesto Veterano Federado co “Torneo DEPOUBASKET MÁSTERS + 35”

  • Xogadores e xogadoras da provincia e convidados de toda Galicia disputarán este sábado, 23 de novembro; en Ourense esta nova cita da competición veterana da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA)

Deputación de Ourense e Federación Galega de Baloncesto achegan a Ourense o Baloncesto Veterano coa organización do “Torneo DepOUbasKet Másters + 35”.

A pista do Pazito, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, acollerá este sábado, 23 de novembro; a chegada da competición veterana da FEGABA, unha nova plataforma para seguir dando a coñecer a súa firme aposta pola práctica do deporte máis alá dos 35 anos, nun sector de poboación no que o deporte federado está en plena consolidación.

Imprenta CB, Club Pereiro Baloncesto e Almacéns Gamallo AB Xinzo, os tres equipos representantes da provincia de Ourense na actual Liga Masculina de Veteranos FEGABA, serán os principais protagonistas deste “Torneo DepOUbasKet Másters + 35”, contando xunto a eles coa presencia do CD Galogrín, procedente de Santiago de Compostela.

Os catro equipos trasladarán a emoción da competición veterana a Ourense e vivirán unha nova xornada en modo cuadrangular, que se estenderá desde as 11:00 h ata as 19:30 h.

En categoría feminina, representando no seu caso á Liga de veteranas FEGABA, competirán no Torneo un combinado de xogadoras da provincia de Ourense e o CB Val de Lemos. O seu duelo terá lugar en horario de tarde (17:30 h).

Todos os equipos compartirán pista e xantar de confraternización, remarcando así o auxe do Deporte Veterano en Galicia.

O Baloncesto Galego di NON
O “Torneo DepOUbasket Másters + 35” unirase tamén ás accións simbólicas que a Federación Galega de Baloncesto realizará no marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

As xogadoras e xogadores participantes sumaranse ao NON do Baloncesto Galego á violencia de xénero e ao seu compromiso coa erradicación da mesma.

Calendario – Torneo “DepOUbasket Másters + 35”

(11:00 h) Imprenta CB – Club Pereiro Baloncesto 

(12:00 h) CD Galogrín – Almacéns Gamallo AB Xinzo 

(16:30 h) Almacéns Gamallo AB Xinzo – Club Pereiro Baloncesto 

(17:30 h) Veteranas Combinado Ourensano – CB Val de Lemos 

(18:30 h) Imprenta CB  – CD Galogrín 

(19:30 h) Clausura e entrega de agasallos. 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias