- Leche Río Breogán vs Club Ourense Baloncesto e Leyma Coruña vs Monbus Obradoiro abrirán o vindeiro venres, 5 de setembro, no Coliseum de Coruña, esta nova edición da Copa.
A Coruña, 28 de agosto de 2025. – A Federación Galega de Baloncesto celebrou esta mañá, no Coliseum da Coruña, o sorteo oficial das semifinais da 39ª Copa “Xunta de Galicia”. Neste acto definíronse os dous duelos que marcarán o camiño cara á final da 39 edición dunha Copa “Xunta de Galicia” que volve a disfrutar de A Coruña como o seu escenario 19 anos despois.
O sorteo, presidido polo Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; contou coa presenza do xefe de Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Roberto García; e do concelleiro de Deportes de A Coruña, Manuel Vázquez.
En representación dos clubs participantes interviñeron: Salva Arco, Director Xeral do Leche Río Breogán; Héctor Galán, Director Xeral do Monbus Obradoiro; Diego González, Presidente do Club Ourense Baloncesto; e, polo Leyma Coruña, Carlos Uzal, Director Deportivo.
Semifinais: emoción garantida
Tras o sorteo, con Leche Río Breogán e Leyma Coruña como cabezas de serie; as semifinais depararon os seguisteis enfrontamentos:
Primeira semifinal: Leche Río Breogán vs Club Ourense Baloncesto (05/09/25 – 18:30 h)
Segunda semifinal: Leyma Coruña vs Monbus Obradoiro (05/09/25 – 21:00 h)
A quenda da final chegará xa o sábado día 6, ás 20:00 h.
A responsabilidade de repartir a sorte dos catro equipos veu da man de dúas figuras do noso Baloncesto, Miguel Juane e Mario Iglesias; que estiveron acompañados nesta tarefa por catro xogadores, integrantes da Selección Galega 3×3 nas súas categorías base: Pedro Vázquez, Aron Espiñeira, María Gavilanes e Sofía Lago.
“Unha cita única, nun espazo único”
“A Copa Galicia é o evento máis importante do Baloncesto Galego na temporada. Unha competición que este ano, gracias á colaboración do Concello de A Coruña e a Xunta de Galicia, será unha cita única, nun espazo único: o Coliseum de A Coruña”. “Sen dúbida, esta 39 edición será unha das Copas Galicia máis competida”, sinalou o presidente da Federación Galega de Baloncesto.
Pola súa banda, para Roberto García, en Galicia “estamos de noraboa polo traxecto que leva o Baloncesto, non só a nivel de categorías superiores, senón no correspondente ao Baloncesto de Base”. Nesta liña, o xefe de Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia animou a todos os afeccionados a “achegarse a desfrutar esta Copa Galicia”.
Finalmente, o Concelleiro de Deportes de A Coruña, Manuel Vázquez, amosou a súa confianza de que esta Copa sexa “todo un éxito”, trasladando a “maior das sortes a todos os equipos nunha “cita que será todo un espectáculo”.
Venda de entradas por partido
A partir de mañá, venres, 29 de agosto, poranse á venda as entradas individuas por día, podendo acceder á súa compra a través de Ataquilla.com e nos despachos de billetes físicos do IMCE na Praza de Ourense, na propia cidade de A Coruña. No caso da venda de ABONOS para os tres encontros, esta continúa activa por esas mesmas dúas vías.










